Unidade e confianza


O proceso cara a Asemblea Extraordinaria do BNG está en marcha. Lonxe do debate obvio e inmediato (as listas, os candidatos) os que somos militantes deberiamos estar, antes ca nada, orgullosos. Porque participamos dunha organización que exerce a democracia de forma real e directa, promovendo o debate no conxunto da mesma (localidade por localidade, comarca por comarca) sobre os proxectos, as ideas e as persoas que han de encabezar a organización nesta nova etapa após o 1 de marzo. Como pretendo que este blog sexa honesto, non me vou andar con medias tintas: eu apoio a candidatura da Alternativa pola Unidade. Fágoo polo meu acordo cos puntos e criterios políticos que esa candidatura defende, e porque son dos que penso que, neste momento, cómpre falar e debater sobre ideas antes que sobre persoas. E fágoo tamén porque sei que os seus compoñentes e as persoas que a apoian son dos que van estar igualmente no Bloque, traballando de forma leal e responsábel, sexa o resultado final cal sexa. E iso, para min, é o realmente importante. Pasou cando Beiras era o portavoz, pasou cando o foi Quintana e pasará igualmente cando o sexa outra persoa calquera. Síntome comprometido con esa idea da acción política e con esa forma de entender a militancia, que prima o valor do colectivo sobre o individualismo, o compromiso constante sobre a comenencia temporal e aquilo que nos une fronte ás cousas que nos separan. Só realmente unido o nacionalismo terá opcións de futuro nun contexto tan agresivamente en contra nosa como o actual. E só -insistirei nesta idea unha e outra vez- desde a participación e a confianza na propia organización poderemos dar os nosos debates sen interferencias manipuladoras dalgúns medios de comunicación, que xogaron sempre a fomentar a división dentro do BNG. Polo demais, nada teño en contra das outras listas e candidatos. Moi ao revés, seméllame un exercicio enriquecedor e positivo -por canto demostra o pluralismo do BNG- a existencia de varias listas en liza. O importante é que todas, desde xa, se comprometan a respectar a lexitimidade dos resultados finais sexa cal sexa, e a traballar polo nacionalismo e polo país, con lealdade á organización, desde o día despois da Asemblea do 10 de maio. Adiante co BNG.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios