Para que serve a utopía?

Nos meus anos universitarios, entre reunións, asembleas e aulas, lembro ter por compañía unha cinta de música con varias cancións gravadas, que me acompañou fielmente do primeiro ao cuarto curso. Era unha daquelas vellas TDK de noventa minutos, unha cinta de VARIOS -como diciamos daquela- que non lembro como titulei (teño a manía de inventar nomes para os cedés ou cintas que gravo). Entre todos aqueles varios, lembro hoxe que había desde algunhas pequenas cursiladas a cancións marabillosas que non me abandonarán nunca. A mestura era rara, desde logo. Estaban Sabina co seu Y sin embargo e Oasis con Live Forever, seguramente tamén Los Rodríguez e Extremoduro (carne de adolescencia e verán dos dezaoito), algo de Mike Oldfield -Islands quizais- , algún tema -non lembro cal- de María Creuza, Toquinho e Vinicius en La Fusa, e tamén rarezas do tipo Nación Reixa (Indecisión), Marina Lima (Beija-flor) ou Joxe Ripiau (Maracaibo). Co paso do tempo fun mellorando no criterio musical, pero seguramente poucas cancións me resulten máis evocadoras que as daquela época. Lembro con especial cariño a do grupo Joxe Ripiau, Maracaibo, un tema pouco coñecido, raro, duns tipos do norte -vascos- facendo salsa, reggae e ska con instrumentos tradicionais e no seu idioma. Unha completa loucura que, porén, tiña sabor propio e conseguía seducir despois de pasada a sorpresa inicial e realizadas varias escoitas. Na canción, case ao final, unha voz en off -que non sei se é a de Eduardo Galeano- recitaba aquelas palabras do director arxentino Fernando Birri. Hoxe, a casualidade quixo que Joxe Ripiau volvese a min, e trouxo coa súa música a Galeano (Días y noches de amor y de guerra, lido no cuartucho do segundo ano, en Vista Alegre), a Los muchachos peronistas (fermosísimo libro imposíbel de atopar por ningures na actualidade), ao fermoso e eterno Victor Jara e ás lembranzas de tantas noites no Norfolk, no Avante, no Tarasca. Os amigos Adrián, Serxio e Tono, por citar algúns que sei que beirean Cavanardá, andaban e viviron tamén, cadaquén ao seu xeito, aquela Compostela de finais dos noventa, recordo perenne da morte da nosa mocidade. Hoxe, cadaquén tamén ao seu e felices por outros motivos, podemos pasear por ela mirando cara adiante, sen atopar recordos dolorosos a cada volta de esquina e sen caermos presos da melancolía máis ferinte. Para todos, chuchos, palabras e cancións coma flores.




Nota: no Youtube é imposíbel de atopar Maracaibo, así que ao final déixovos coa épica roqueira dos irmáns Gallaguer.

6 comentários:

  1. Esqueces Nao son o único, ou como se escriba, que creo que tamén estaba nesa cinta, probablemente unha das poucas coas que non tiven ganas de asasinarte cando a poñías por décima vez consecutiva ou cando marchabas do piso e a deixabas soando, quizais pensando, iluso ti, que acabariamos tendo bon gusto musical, é dicir, un gusto parecido ó teu

    ResponderExcluir
  2. Ah, esde logo, Nao sou o único, en versión de Resistencia (a orixinal é de Xutos&Pontapés). E como me calaches nas intencións, jeje. E ti que non aprendiches nada... :)

    ResponderExcluir
  3. Como es un tipo intelixente, coincidirás comigo...

    ResponderExcluir
  4. Si, si, como lle dixo Carlos Mella a Xosé Luís Barreiro unha vez: normalmente ti e eu sempre estamos de acordo, e cando non é así é porque eu teño razón. :)

    Tamén lembro a cinta túa: Juliette (Dire Straits), Layla -de Clapton- (ou Derek & the Dominos?), ...

    E tamén soou insistentemente The Verve (Lucky Man, The drugs don´t´work, ...), Pearl Jam (Nothingman, Betterman, ...), Calamaro (Allta suciedad, Flaca, ...)

    Tempos!

    ResponderExcluir
  5. A miña tiña Juliet, Oreja de Van Gogh (el 28), Boston (more than a feeling), Jorge Drexler (Antes), Sinatra (My way), Foreigner (I wanna know what love is). E a vista sempre posta en Lugo capital. Ti o dixeches. Tempos

    ResponderExcluir
  6. Coincido con Galeano en que a utopía serve para seguir camiñando, sempre, por máis que ás veces a consecución do obxectivo se afaste uns metros no horizonte. Malia todo a ilusión por conseguir esa meta faranos seguir avanzando.

    ResponderExcluir

Comentarios