Se se poñen a tiro...

Veño de ler o artigo "Cariño e cultura" de X.M.Pereiro, un dos xornalistas e blogueiros aos que máis sigo. Se non o lestes, facédeo. Dá gusto cando alguén nos conta as cousas con claridade, firmeza e ao tempo sentido do humor. E ademais, o enlace que fai a aquelas inefábeis declaracións de Pérez Varela é sinxelamente impagábel. Xunto cos Tonechos e Mucha e Nucha, o ex-conselleiro de Cultura, Turismo e Comunicación Social foi un dos mellores humoristas do país nas últimas décadas. Mágoa non terse animado a montar con Jaime Pita un dúo cómico. Que gloriosas noites de venres no Luar perdemos de ver!

Polo demais, Feijoo segue atacando desde o Goberno e facendo política de tipo simbólico, fundamentalmente para ter mobilizados aos seus seareiros e desviar a atención dos problemas reais. Non se lle escoitou aínda dicir nada sobre como vai afrontar a crise económica, mellorar a sanidade, atender ao medio rural e ao sector pesqueiro, promover o desenvolvemento industrial ... mais iso si, cada día fai unha declaración demagóxica sobre a lingua. Na mellor liña Rosa Díez, semella que non sabe nin como vai gobernar nin lle importa moito, pero ten claro que vai deixar contentos aos estremistas da lexión mediática madrileña e aos galegófobos de por aquí. A estratexia de crear da nada un debate social que sexa capaz de manter a atención pública -mediática- para ocultar os problemas de fondo é xa moi vella e coñecida, pero vese que nesta nosa sociedade aínda dá réditos a quen a pratica sen pudor nin vergoña. O problema, con todo, témolo nós, polo incomprensíbel laissez faire co que as forzas políticas da oposición e máis os sindicatos están agasallando ao Partido Popular. Alguén lles vai recordar aos novos gobernantes que teñen que enfrontar unha crise económica e que teñen pasado e se chama 16 anos de goberno Fraga?

Dígoo porque quizais, se se poñen a tiro...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios