Construçao

Polo monte vermello do Páramo achegouse sorrinte o verán; no macuto conversas, amizades, goles e chuchos. Ollamos desde o alto os Aquilanos e recoñecemos nas bocas amigas as nosas palabras, mastigadas de vello por entre cumes e vales xenerosos, no estraperlo das fronteiras, ao fresco dos vellos soutos e das cerdeiras en flor. Que ben sabían o pan e o viño nas beiras do lago, como nos gustou –coma nenos- aquel país. Pola beira de Noia, de por parte, erguíase o mar. Espertaba de botar a sesta, espelíndose en silencio a carón das praias de por onda Aguieira. Vímolo nós, alí na beiramar, e puxémoslle música do Chico Buarque aos kilómetros, para lle facer visita curta e dármonos aos libros, á froita e aos pecados. Por unha e outra beira, sentímonos sempre cómodos e alegres, como en terra coñecida. E así ficamos durmidos, felices, deitados a gusto rente ao mar no lombo quente dunha lingua e dun país que, quizais, de quixermos, puidese chegar a ser noso.

3 comentários:

  1. Grazas polo vídeo, Chico Buarque é un deses músicos que sempre gusta escoitar.

    ResponderExcluir
  2. Esta canción é magnífica, a letra emocionante e todo con rima nas esdrúxulas!

    ResponderExcluir
  3. Grazas a El País e a Sabina por descubrirnos a moitos este poemazo de Buarque, un golpe de realidade...

    ResponderExcluir

Comentarios