Clique aquí antes de seguir lendo isto. Falamos de música, de boa música. Alguén llelo terá que contar a bastantes críticos musicais pusilánimes e vagos, capaces de ler en inglés e incapaces de facelo en galego. O novo traballo de Ataque Escampe colócase á altura da mellor e máis interesante música independente que se está a facer agora mesmo no Estado, nesa división na que xogan Sr. Chinarro, Antonia Font, Refree ou Triángulo de Amor Bizarro, e moi por riba da grande maioría de novos grupos promocionados polas revistas do sector (léase Rockdelux, Mondosonoro e demais). Ao igual que o están Narf e Fanny & Alexander, que ocuparían portadas de ser madrileños, barceloneses ou cantar "na lingua dos brancos".
Ataque Escampe non fan tontipop, nin indie macarrónico en pitinglish, nin electrónica cutremodernuqui. Non aspiran a saír en revistas de tendencias nin a ser o grupo de cabeceira da semana dos deseñadores gafapastas de BCN. O seu é o rock, sinxelo, acústico e de calidade, ou dito doutra forma: como darlle saída musical a un imaxinario propio e particular, cheo de literatura e de cancións, de peneiradas referencias socio-políticas e de humor intelixente, que empregan sempre como elemento de distanciamento irónico dunha realidade que invaden coa súa mirada conscientemente periférica. Penso nas letras e en que non é casualidade que dous grupos como Ataque Escampe e Antonia Font conten con escritores nas súas formacións (Samuel Solleiro e Joan Miguel Oliver, respectivamente). E escoito outra volta o disco e fago cábalas sobre cando sairán con asiduidade en Radio 3, a única radio musical pública desta España plural de ZP que, aínda que non o semelle, pagamos todos, nós incluídos.
Para baixardes o disco, premede aquí, pero máis mellor é mercalo!
Xavier, 100% co teu analise, este grupo descubrino o ano pasado e quedei gratamente sorprendido. Cada vez que escoitaba o disco máis me gustaba e agora estou empezando a disfrutar este novo.
ResponderExcluirUn sáudo.
Iago Carreira.
Alédame que che guste, Iago. Parécenme do máis interesante que se fai hoxe en día en Galiza, rock con sonoridade propia e letras traballadas. E a nivel de Estado tamén chamarían a atención se houbese críticos capaces de atender ao que se fai en Galiza sen prexuízos.
ResponderExcluirApertas!
Hai algo na voz do cantante que me fai escoitar a Josele Santiago cantando en galego... Non sei neste último traballo pero nos outros resultoume demasiado evidente e deberían "mirarse iso" para ser xenuínos ademais de realmente bos nas letras e na música, que coido teñen un potencial como grupo tremendo. Fáltame velos en vivo: a proba do algodón.
ResponderExcluirPor certo, Josele actúa na Capitol o sábado 6 de xuño, de reflexión. Flipei cando o vin no Clavicémbalo, en Lugo, fará uns 4 anos... É brutal.
Este traballo é o mellor deles, con moita diferencia. Sobre todo, o cambio nótase no son, na música. Máis traballada e moito mellor. As letras seguen sendo boas, desta volta máis crípticas ou con referencias menos evidentes, por dicilo dalgunha forma, o que tamén está ben. En definitiva, a min paréceme un moi bo disco. Hai grupo con carreira longa e con grandes cancións por diante, se nada fai que rachen nuns anos.
ResponderExcluirDe Josele, sempre me gustou e nunca me apaixonou. É un pouco raro, porque me parece moi bo e ten temas que me encantan, pero tampouco nunca me tirou de verdade. En fin..
Apertas S.