Mapudungun

Haberá, algún día, un século kurdo. Con meses irlandeses, apaches, chilenos de Allende. Sentiremos nas fazulas o bico dunha primavera vasca, o acolledor frío lapón, o cheiro do estrume nas aldeas balcánicas, ou vietnamitas, de Berger e Trás-os-Montes. O latexo bereber dos tambores, o ritmo cigano dos mongois, as gaitas de paz do pobo sioux, erguerán o pó coma cabalos salvaxes, baixo os pés dos que dancen en Palestina, sementando auga, saciando a sede de séculos dos humildes, dos agochados do mundo, dos perseguidos da historia. Choverá algún día un inverno galego, e mollarán as nosas linguas as follas da coca boliviana, do azucre negro e chinés de Cuba, do arroz e das especias asiáticas coma unha xeada bretemosa. Na voz de Sinéad, enriba da súa língua antiga e comunal, baila Tecumseh a súa última danza de guerra, descansa Gaza, falan aimara os hispanos de NY e os negros da Bahia, medra para nós o sorriso dos mapuches e o alalá de sismo do minarete de Djam. Haberá, terá que haber, algún día, un outono de encontros e miradas, de voces que se cruzan, de lágrimas que nacen ao sol da dignidade. E ese día, o día ou a noite na que por fin cheguemos, lembrarémonos de Mario e de todos os demais. Leremos as palabras que nos trouxeron ata aquí, explicarémonos o mundo e despois ficaremos calados, para mirarnos sorrir e compartir a comida. Felices e serenos cantaremos a vida, a derrota do oprobio, e a terra, todas as nosas terras. Xa case de noite, ao pór do sol, lembrarémonos dos mortos, abrazarémonos aos nosos fillos e aos nosos soños, queimaremos as naves.

2 comentários:

  1. Moito me gusta esta entrada, Xavier. Dá gusto lela,oíla mentalmente e soñala.

    ResponderExcluir
  2. Graciñas, Suso, de verdade.
    Mañá mércores vou para Ribadeo. Se queres tomámoslle un café estes días.
    Apertas grandes!

    ResponderExcluir

Comentarios