Europeas 2009


1. As eleicións, a nivel de Estado, gañounas a abstención, con maioría absoluta. Segundo quedou o PP. Terceiro, por pouco, o PSOE. Nisto semella que hai consenso. Non así na lectura de Mayor Oreja, que dixo aos seareiros da rúa Génova: "los españoles han vencido a Zapatero". Sen comentarios.

2. Evidentemente, os resultados para o nacionalismo galego non foron positivos. Baixouse até o umbral dos 100.000 votos e perdéronse tres puntos porcentuais. Houbo, así mesmo, baixadas relevantes nalgunhas cidades, o cal volve reafirmar o que xa se analizou e acordou no Congreso de maio: a necesidade de reforzar a organización, moi especialmente no ámbito urbano, e de comunicar o noso proxecto nas cidades con claridade e eficacia.

3. Non convén caer no desánimo. Relativicemos e recoñezamos que foi moi difícil encarar estas eleicións despois do golpe sufrido nas galegas e do intenso proceso interno vivido. Recoñezamos tamén que a participación eleitoral foi baixa e que resultou realmente complicado motivar e motivarse. Recoñezamos que temos, como país, un baixo nivel de consciencia nacional e que nas europeas a cidadanía galega aínda non percebeu a importancia de apostar por unha forza propia que non empregue como moeda de cambio os nosos intereses fronte a outros territorios do Estado. E recoñezamos, tamén, con humildade, as debilidades propias e as forzas alleas.

4. Despois de recoñecer todo o devandito, dediquémonos a traballar. Sen cainismos, sen "canto peor mellor", sen "xa o dicía eu", sen discursos derrotistas e apocalípticos. O mellor que pasou é que xa pasou. Agora temos tempo para, todos e todas, volver ao traballo esencial: organizativo, municipal, social, de rúa. Capaz de implicar, de clarificar, de facer partícipe. Só a partir de aí volveremos a unha dinámica positiva. A responsabilidade que temos non é só coa propia organización, senón co país en si mesmo, que ten perfil político propio na medida en que o BNG existe con máis ou menos relevancia. É fácil ser agora vantaxista e dinamiteiro, o difícil é traballar cada día sen pensarse dono da verdade absoluta.

5. Aínda así, o BNG e Galiza terán representación en Europa a través da coalición Europa dos Pobos, con presenza directa de Ana Miranda cando lle corresponda e cun representante que, sexa da forza que sexa, trasladará durante os cinco vindeiros anos as iniciativas do Bloque ao Parlamento Europeo.

En fin, hai que seguir.

Um comentário:

  1. Que lles darán á xente en Luxemburgo para que vote máis do 90%?

    Como poden estar tan eufóricos os PPs sabendo que en Cataluña e País Vasco non chegan ó 20% dos votos?

    Non lles preocupará postularse como alternativa de goberno sabendo que hai zonas do Estado, con bastante peso específico, onde o seu apoio é residual?

    ResponderExcluir

Comentarios