O galego e o que aprendemos do Prestige


Cando en 2002 o petroleiro Prestige afundiu fronte ás costas galegas, a marea negra de chapapote que invadiu as nosas rías e e a actuación dos gobernos da Xunta e de España provocaron as maiores manifestacións de protesta que se lembran na historia recente do noso país. O caso Prestige foi percibido daquela como un ataque brutal e nunca antes visto a un dos elementos simbólicos que nos conforman como pobo -a paisaxe costeira, no que ten de medio de vida e de riqueza medioambiental- e activou unha inmensa vaga mobilizadora máis alá de ideoloxías e de posicionamentos políticos. A actuación incompetente e mentireira que daquela houbo por parte das administracións activou en nós un mecanismo de autodefensa colectiva e sacou ás rúas, dunha forma especialmente ampla, plural e creativa, a centos de miles de persoas, dando pé á creación do movemento Nunca Máis.

A campaña de acoso contra a lingua galega que vimos padecendo desde hai meses -con trazos de verdadeira xenofobia cultural nalgúns dos seus elementos discursivos- é tamén, salvando todas as distancias, un ataque contra a nosa identidade colectiva, contra o noso ADN como pobo. Son os seus executores políticos PP e UPD, da man de pequenos colectivos extremistas e dun poderoso e amplo aparato mediático. As agresións constantes que vén sofrendo o noso idioma e a retórica orwelliana que padeceu por parte dos inductores de tal campaña non conseguiron, porén, que a sociedade galega renunciase á defensa da súa propia lingua, cultura e identidade. 50.000 voces reclamaban o pasado 17 de maio nas rúas de Compostela a convivencia lingüística e a igualdade plena de dereitos e deberes entre galego e castelán. E moitas -e de moi diversa procedencia ideolóxica- son as que se están a manifestar nestes días a prol da normalización do noso idioma e en contra das medidas involucionistas do goberno galego.

Os que desde posicións políticas nacionalistas defendemos a nosa lingua temos que facer un especial esforzo por analizar a nova situación xerada e as portas que abre para a potenciación do noso idioma. O noso discurso non pode ser o mesmo que o de hai 30, 20 ou mesmo 10 anos, porque a situación sociolingüística tampouco o é. Poden -e deben- manterse os obxectivos, por suposto, que son de todo irrenunciábeis (o dereito a vivir plenamente en galego no propio país e a súa plena normalización de usos e ámbitos) mais sería non atender á realidade obviar a actual situación minoritaria do galego nas nosas cidades e o descenso das porcentaxes totais de falantes que teñen a nosa lingua como lingua habitual. Que lles imos dicir, como imos seducir e explicar o conflito lingüístico, por exemplo, aos cidadáns galegos e castelanfalantes de Vigo, A Coruña, Ferrol ou Pontevedra para que asuman a necesidade de defender o galego, en moitos casos xa con pouca presenza nas súas vidas cotiás? Como imos crear consciencia (socio)lingüística nos galegofalantes habituais que, porén, teñen amplamente interiorizado o argumentario tramposo do bilingüismo harmónico? Somos conscientes de que esta labor corresponde ás administracións públicas, mais na perspectiva actual, imos abdicar e renunciar aos seu favor, sen nos dirixir directamente á sociedade cun discurso áxil, claro e eficaz? Podemos permitirnos tal cousa?

As organizacións do campo nacionalista foron e son historicamente as que máis e mellor defenderon a nosa lingua. Cada un dos avances na lexislación lingüística foi conseguido polo compromiso persoal e colectivo das persoas que, con entrega e xenerosidade, dedicaron tempo e esforzos á defensa do que é xusto e obrigaron a lexislar a prol duns dereitos e dunha igualdade aínda hoxe non conseguida. É desde ese recoñecemento desde o que podemos nestas horas realizar unha reflexión a prol da apertura dun tempo novo, no que o discurso e a praxe se adapten á nova realidade e procuren unha sintonía maioritaria na defensa do galego con moitos outros colectivos e persoas que están, coma nós, dispostos a defender os valores que nos unen arredor da nosa lingua. Os ataques, o acoso, a xenofobia cultural contra o galego achegou graves ameazas, mais tamén propiciou oportunidades inéditas que cómpre saber aproveitar. Son cada día máis as persoas que desde o castelán ou desde o galego, desde o nacionalismo ou non, queren defender a nosa lingua da hostilidade que padece, e facelo sentíndose cómodos e útiles, sen que iso presupoña identificación automática con postulados políticos determinados. E sono porque, coma nós, queren unha sociedade con calidade democrática: únennos a eles a defensa da igualdade, da liberdade, do medio ambiente, de valores e ideas de progreso. A capacidade de empatía cos demais e o sentido da resposabilidade para con un mesmo e coa comunidade.

Nós, os nacionalistas galegos, sabemos que ao final do conflito lingüístico está o ataque contra a nosa propia existencia como pobo diferenciado. Non é só o galego, é a propia identidade e a existencia de Galiza como nación o que resulta molesto, o que cómpre marxinalizar e facer desaparecer. Mais esa consciencia non quita para que, agora, hoxe, as forzas teñan que estar destinatadas á batalla que resulta prioritaria: a da lingua. E nunca como até agora foi tan posíbel a vertebración dun movemento amplo, dinámico, aberto e fondamente cívico que leve adiante un novo discurso e unha nova estratexia a prol da mesma. O novo discurso ten que ser realmente novo, e articularse desde a sociolingüística, si, mais tamén e sobre todo desde a socioloxía, a lingüística comunicacional, a análise do discurso, a publicidade e o marketing, a comunicación política. As ideas forza que nos unen están razonablemente definidas: convivencia lingüística, igualdade real de dereitos e deberes para galego e castelán, necesidade de medidas correctoras de apoio para o galego. En valores e slogans: convivencia fronte á imposición, igualdade plena fronte á marxinación e recuperación do consenso social e político sobre o que nos une : o galego é de todas e de todos. A súa defensa e potenciación, tamén.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios