Y por qué para ser médico tengo que saber gallego?



Explícao estupendamente Suso Fernández Acevedo, e de forma moi sintética, pedagóxica e amena, tanto que a súa serie de artigos Tópicos sobre a lingua galega debería ser urxentemente completada e editada para o seu debate e reparto masivo nos centros escolares de primaria (coas ANPA´s en reunións abertas), secundaria (co alumnado e tamén con pais e nais) e universidades (fundamentalmente co alumnado). Nun folletiño de dez páxinas teríamos o argumentario perfecto para comprender, explicar e responder ás falacias e mentiras dos colectivos extremistas contrarios á nosa lingua. Convídovos a ler os cinco artigos, mais déixovos cun deles, de plena actualidade pola primeira decisión do goberno Feijoo en contra da normalización do noso idioma.

Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas.

Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.

O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ―non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona― é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.

Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.

13 comentários:

  1. Eu apoio tamén a ampliación e publicación da serie "Tópicos sobre a lingua galega", pero o autor parece non darse por aludido. Imos ter que comezar a recoller firmas para pedirlle que o faga? ;)

    ResponderExcluir
  2. O da súa publicación dígoo absolutamente en serio. É a través de discursos rigorosos nos contidos mais tamén sinxelos, pedagóxicos e clariños nas formas, coma estes de Suso, que cómpre dar a batalla do idioma alá onde se xoga: na rúa. Insisto unha e outra vez nesta idea. Moi ben o traballo académico, pero é máis importante nesta altura a labor de combate ás mentiras do PP, UPD e Galicia Bilingüe, e para que sexa eficaz ten que se dotar dun discurso moi claro, breve e comprensible por todo o mundo, como eles fixeron á inversa coa grande trola da imposición. Lembrade a estratexia de Gloria Lago e os seus acólitos: reunións coas Anpa´s nos centros, autobús "informativo" na rúa, xeración dun goteo constante de noticias, etc Ningunha academia e moita sociedade.

    Imaxinade o efecto que tería unha grande campaña de explicación, información e debate nos centros educativos, nos colectivos sociais (veciñais, deportivos, ...) sobre estas cuestións básicas, acompañada de novas nos xornais nas que se denunciase todas as semanas todos os ámbitos da vida social onde os galegofalantes somos discriminados ou o galego non ten presenza.

    ResponderExcluir
  3. Si, si, eu tamén penso desde hai tempo (en serio) que hai que difundir a serie dos "Tópicos" de Suso, xa sexa a través de Internet ou en papel. Responde de forma clara, concisa e rigorosa a unha serie de trapalladas que, por desgracia, GB xa conseguiu meterlle nos miolos a unha chea de xente.

    Precisamente pasoume hoxe o propio Suso un libriño de Manuel Núñez Singala que vai tamén nesta liña, pero teño a impresión de que Singala cae con frecuencia en discursos subxectivos e emocionais de máis e, ademais, hai que ter en conta que é un libro dirixido a rapaces; faría falta algo máis axeitado a un público adulto (pero que, idealmente, puidese ser tamén lido e comprendido por rapaces).

    ResponderExcluir
  4. Pois a ver logo como facemos...

    ResponderExcluir
  5. Un Raposo Pousafoles3 de junho de 2009 às 11:07

    Lo peor de todo es el odio que se tienen a si mismos una gran mayoría de nuestros compatriotas.Peaje por haber nacido en el puto paraíso.
    Todos conocemos a quien a la pregunta que titula esta entrada,brillante como siempre, responde: Si aún fuese para ser veterinario........
    Así de triste.
    Así nos va.

    ResponderExcluir
  6. Urxe xa desfacer os tópicos sobre o galego:
    como dicía Lois Diéguez nun poema que aínda non chegou a vello ( desgrazadamente):
    "asulagaremos os museus onde te gardar,
    derrubaremos os muros que están a construir para ti"

    ResponderExcluir
  7. Raposo Pousafoles,
    é importantísimo que xente que coma ti usa normalmente o castelán e non o galego teña clara a cuestión e defenda abertamente a necesidade de camiñar cara unha igualdade real de dereitos entre o galego e o castelán e apoie, aínda non sendo galegofalante, o desenvolvemento de políticas en positivo que axuden á normalización do galego en todos os ámbitos da vida social.
    Alégrame moito a túa intervención, e demostra -como tamén se evidenciou na diversidade e heteroxeneidade da manifestación do 17 de maio- que hai moita xente en Galiza que, independentemente de que fale galego ou castelán, ten claro que o discurso do PP e de Galicia Bilingüe é un discurso infame e radicalmente falso, e comparte pois a necesidade de defender a nosa lingua e avanzar na nosa autoestima e benestar.
    Apertas grandes.

    ResponderExcluir
  8. Marcos,
    completamente de acordo.
    O caso é o como, non o que. Isto último témolo claro, o importante é saber de que maneiras podemos desfacer eses tópicos.
    O emprego de argumentos rigorosos ao tempo que clariños e comprensíbeis por todo o mundo é unha maneira central. Todos e cada un de nós debemos ter eses argumentos na cabeza e sacalos a relocer cando sexa necesario: nun bar, nunha conversa con amigos, no traballo, ... Por iso popularizar pequenos argumentarios como o de Suso sería estupendo. O caso é quen o pode facer, e quen pode articular arredor del unha campaña de debate e socialización deses argumentos.

    ResponderExcluir
  9. Ei, eu tamén defendo en serio a idea de publicar os Tópicos sobre a lingua galega de Suso. De feito, paseillos a unha colega que ensina galego en Secundaria e cónstame que fai bo uso deles. Veña, Suso, ho...
    Bicos, Xavier

    ResponderExcluir
  10. Hostia! Ese son eu.
    Gracias polos comentarios. Aínda me habedes forzar a continuar a serie.
    Suso

    ResponderExcluir
  11. Rescato isto porque onte convencinme, unha vez mais, da necesidade urxente que hai dun argumentario como os Topicos de Suso, ampliado para engadir un par de detalles. Onte pola noite tiven o animo para ler un debate na web de El Mundo sobre a retirada da proba en galego das oposicions. Habia daquela unhas 250 mensaxes (agora habera mais), e non esaxero se digo que o 90% delas podian rebatirse simplemente utilizando os topicos que hai agora. O da "imposicion", o do "galego inventado", o da "normativa que se modifica 4 veces por ano"... O 10% de mensaxes restantes son simplemente de xente que utiliza os mesmos argumentos, ou parecidos, que Suso. O discurso dos "galiciabilingues" e similares é, polo menos a nivel superficial, un discurso moi simple e eu penso que non fai falta ser filologo nin moito menos para desmontalo, pero si haberia que facer certa labor de concienciacion en certos temas (mesmo moita xente defensora do galego e mais ou menos comprometida co tema acepta sen pensar cousas como que a normativa do galego esta sempre a cambiar, cousa que non é certa, ou polo menos non mais certa do que sucede noutras linguas do noso entorno como o castelán).
    En fin, Suso, que hai que ponherse ao traballo... ;)

    ResponderExcluir

Comentarios