25 de xullo, dereito á normalidade


Cinco imaxes na retina despois do 25 de xullo, no que un ano máis esiximos o noso dereito a sermos cidadáns e cidadás dun país normal.

Un
: a Voz de Galicia baixo o brazo. Había gañas de moverse. En defensa da língua, do emprego e quizais tamén do sentido común interpretado ao noso xeito: os avances conseguidos e as necesidades do país. Ao cabo, de poñer enriba das pedras da Quintana milleiros de vontades de nación: cidadanía, pobo, dereitos. As palabras clave, as ideas forza do nacionalismo galego son e teñen que selo aínda máis: autoestima e benestar. Polo dereito a producir, para poder traballar e vivir dignamente na propia terra. Polo dereito a podermos vivir con plena normalidade en galego. E a manifestación xuntou xente, tanta como outros anos. Con todo, unha certa cerimoniosidade ritual vai apoderándose dela e mudándoa en procesión silenciosa. Igual había que pensar algunha novidade para anos vindeiros, que axude a recuperar o dinamismo, a alegría e o ton reivindicativo. E, desde logo, temos que espabilar. Era desolador comprobar que máis dun levaba a Voz de Galicia baixo o brazo.

Dous: ESTO ES ESPAÑA. Os milleiros de manifestantes ledos, sorrintes e suorosos que estabamos no 25 -obreiros, funcionarios, xubilados, nenos, universitarios, concelleiros, alcaldes, deputados, autónomos, desempregados, estudantes, ...- saiamos da Quintana na procura de líquidos elementos que nos refrescasen, antes do xantar por Santa Susana. Xente con bandeiras, xornais, comida, pandeiretas, gaitas. Os do meu grupo baixamos polo Franco, por onda a Biblioteca Xeral até diante da Policía. Alí, na vella oficina de Correos, dúcias de antidisturbios e grilleiras -un continxente moi esaxerado- no medio da rúa, facendo non se sabía moi ben o que. Nunha das grilleiras, ben visíbel-prometo que é absolutamente verídico-, unha bufanda coa lenda ESTO ES ESPAÑA e o símbolo dos Ultrasur, coñecido grupo neonazi de seareiros do Real Madrid. Fiquei atónito e mirei para o policía que estaba dentro, que me sorriu (dientes, dientes, que es lo que les jode!). Na grilleira seguinte unha bandeira española co aguilucho e dous antidisturbios ollándonos. Cruzámonos a mirada e seguimos camiñando, na procura dunha terraza reparadora onde pousar os cus e darnos á cervexa e á empanada, mentres remoíamos en animada conversa se a esta xentiña lle pagan por evitar disturbios ou por provocalos.

Tres: coidar a canteira. Na miña adolescencia ser do BNG estaba de moda. Coincidía co descrédito dun PSOE abafado pola corrupción, non resultabamos perigosos para os poderes fácticos e tiñamos un certo aquel antisistema, por dicilo dalgún xeito, que seguramente contribuía a unha importante simpatía e adhesión superficial da maioría da mocidade. Varias lexislaturas despois, a cousa é preocupante. As campañas de criminalización do nacionalismo que levou a cabo no seu día o goberno Aznar -mantidas na actualidade con constancia e agresividade pola caverna mediática española- fixéronnos un dano indubidábel, e o feito de sermos hoxe unha forza política capaz de gobernar converteunos nun inimigo a destruír para os poderes fácticos que gobernan Galiza. A mocidade urbana, a máis permeábel á influencia dos media, non é allea a estas estratexias. A mocidade nunca pasou da política, mais si do politiqueo, dos políticos (entendido o termo no sentido desmobilizador promovido polo propio sistema). Xa que logo, igual era boa cousa revisar a nosa capacidade de conexión coa xente nova, e tamén o papel que deben cumprir nese ámbito as ferramentas que temos, para que poidan resultar elementos máis eficaces de achegamento ao nacionalismo.

Catro: a verdade está aí fóra. Sexamos positivos. Falando con uns e con outros pola carballeira adiante percibíase certo consenso na necesidade de pasar páxina e poñernos a construír. A xente aborrece os comentarios fratricidas das novas dos xornais dixitais, os insultos nos foros, as actitudes destrutivas. Existe un importante consenso -ou así quero pensalo e así me pareceu percibilo- na necesidade de recuperar o sentido de irmandade no cotiá e de unidade na acción cara fóra. As palabras de Guillerme Vázquez parecéronme moi importantes e acaídas neste sentido: debemos estar unidos e activos socialmente. Sería unha irresponsabilidade para co país que a dinámica interna nos afastase do que agora corresponde: unha oposición intelixente que poña en evidencia a que intereses serve Feijoo e unha acción política activa que nos coloque e faga visíbeis ao carón das maiorías sociais. Toca mirar para fóra.

Cinco: agardan por nós, e dicimos ...? A xente de dereitas fala alto nos bares, para que se escoite ben o que din. Seguramente nin conta se dean. Están afeitos a poder falar, veno e sínteno como normal. Porque eles, desde hai décadas, representan o normal: maioritario, posíbel, non problemático. Nós non: nós somos o termo marcado, o que precisa explicarse, lexitimarse con argumentos. Tocounos selo e parecelo. Nestes anos fomos construíndo todo un tecido organizativo valiosísimo no campo político, social, sindical, cultural. E aínda cómpre esforzarse máis, medrar estando presentes, existindo, en moitos espazos colectivos. Nas comisións de festas, nas comunidades de montes, nas asociacións de veciños, nas bandas de música, nos colectivos profesionais, nas corais polifónicas, nas anpas, nos clubes deportivos, nas peñas gastronómicas, nos grupos do facebook... hai sitio para que nós, nacionalistas, esteamos presentes. Individualmente. Con normalidade. Botando unha man, falando, estando. Vertebrando sociedade e achegando, desde a humildade, a nosa axuda e as nosas ideas. Construíndo normalidade, con intelixencia. Trátase de estar para sumar.


Nota: a foto é de Paco Vilabarros e está collida da web de A Nosa Terra.

2 comentários:

  1. Son un daqueles vellos militantes da ANPG que foi quedando fora de xogo co actual BNG. Digoo de entrada para non engañar a ninguén. E, aínda que non quero ser agoreiro ou como se lle queira chamar, o certo é que o BNG ten o que se merece e vai en deriva sen rumbo: as súas bases de antigo ( non os que descubriron o "nacionalismo de salón de Quintana"), os que algún día fomos votantes, militantes e activistas non nos sentimos identificados con este BNG que cogobernaba co partido de Zapatero contra Galicia e contra o sentido común.
    Galicia vendeuse, incluso co concurso dos alcaldes do BNG, como é o actual caso de Cangas; o AVE, que desfai o país innecesariamente, non ten nada que ver cunha boa rede ferroviaria que nos comunique entre nós e non a nós con Madrid (que insensatez non nos decatar que o que se pretende co AVE é difuminarnos), os militantes xa non teñen que seren galegofalantes, senón de "misa" galega, aínda que logo, aos fillos, se lles fale en castelán; a Administración autonómica e non autonómica encheuse de mandos intermedios que traballaban contra quen os nomeaba, quen sabe se porque os que os nomeaban carecían de criterio, eran insensatos ou lerdos, ata o punto de meter en postos de responsabilidade a manifestos reaccionarios que exercían de quintacolumnistas, etc.
    Finalmente, por non facer eterna esta comunicación, dicir que o BNG converteuse nunha especie de segunda marca do PSOE en Galicia, dende que, tempo ha, se acometeron os pactos nos concellos con quen en moitas ocasións amosaba seren, por moito que os pactos así o acordasen, máis cacique que os vellos caciques do PP e do franquismo.
    Benvidos agora de novo á esquerda, pero moito me temo que moitos xa non sexamos capaces de crer.

    ResponderExcluir
  2. Compañeiro,
    podo entender a nivel humano o teu cansazo, e sei que o momento actual non é o mellor que nos tocou vivir como nacionalistas. Desde logo admiro á xente que leva toda a vida achegando e sumando para o nacionalismo na medida das súas posibilidades. Non che vou negar que, como é lóxico, toda organización política sofre crises de medre e contradicións internas que cómpre resolver colectivamente, tampouco que a nosa inexperiencia no goberno fixo que estas contradicións aumentasen e se desen entre os compañeiros que traballaban no ámbito institucional e moitas das organizacións de base do nacionalismo. Ten a ver coa pluralidade interna que temos, e que é boa pero complexa, e tamén co feito de que era a nosa primeira experiencia de goberno. Contodo, prefiro analizar os feitos e non as palabras: aínda recoñecendo os erros que se cometeron, non me negarás que cualitativamente o país daría un salto adiante no camiño da autoestima e do benestar se tivesemos tempo para asentar proxectos estratéxicos que se puxeron en marcha (concurso eólico, galescolas, banco de terras, vivenda pública, internacionalización da nosa cultura e identidade, servizo galego de benestar, ...). Non teño dúbida de que poderemos estar de acordo en moitos erros e moitas cousas que non nos gustaron, pero sen ánimo de xerar ningún debate, penso que cómpre tamén ser xustos e recoñecer que o balance xeral do traballo feito na Xunta é positivo, e tamén que o BNG é máis necesario que nunca para o país. O peor foi o que non se fixo (Lei de Caixas, relación dos medios de comunicación) mais os gobernos de coalición son complicados, e máis con este PSOE acomplexado que nos toca padecer. Se analizas as políticas nosas e as deles, verás que a túa afirmación da "segunda marca" non se corresponde coa realidade. Temos moitísimo que mellorar a nivel de fortaleza política e militante, de introdución social, de capacidade para gobernar e xestionar ben os espazos institucionais que gañamos. Mais non me cabe dúbida de que seguimos sendo nós, e son as nosas ideas, valores e proxectos, os que promoven o progreso e o avance cara un futuro mellor para todos os galegos e galegas.

    ResponderExcluir

Comentarios