We believe

Un 24 de xullo de hai uns cantos anos fomos ver Oasis a Vigo. O pai de André e máis eu. Nun Castrelos repleto de anglofilia, de músicos, de gafapastas, de portugueses. Nós e as nosas cervexas, cun certo desafío na mirada. Nós e o noso ribadensismo, que ben podería ser unha sorte de querencia polos albións, irmáns do norte, mar por medio. Nesta mañá chuviosa apetece vestir de vigor os nosos ollos, erguer o queixo cara o ceo, poñer a camisa de cadros, renovar a fe e o amor desde a inocencia perdida. Resulta máis difícil iso, bastante máis, que agocharse no cinismo intelectual, no pesimismo paralizante, na distancia elitista. Resulta ben máis difícil poñer o corpo nos dentes, a alma na cunca das mans, e ofrecela coma un salmo ou unha canción. Seguramente nese atrevemento, nesa nudez total, é que pode medrar a verdadeira amizade. O non dicible real cómpre ficcionalo, recrealo, inventalo para que exista. O pai de André cumprirá anos este 24 de xullo, e ao día seguinte celebraremos o bo e o malo que ten este país que compartimos. O noso, que aínda existe. Dunha forma quizais inocente, de seguro que alegre e serena, tamén por iso poderosa, o 25 de xullo encheremos a Quintana para dicir que aqui estamos e aqui seguiremos. Contra ninguén que nos respecte e a prol de todos os que sofren. Sempre, desde nós, e do lado dos humildes.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios