Feijoo: menos autogoberno, menos benestar.


Un íntimo amigo lembrábame co frecuencia, cada vez que falabamos de cuestións políticas, da necesidade de que, na súa opinión, os nacionalistas centrásemos máis o noso discurso nas cuestións do día a día, as que afectan á xente, e menos en temas simbólicos e identitarios, que ao seu parecer a boa parte da poboación lle daban bastante igual. Por moito que eu tentase explicar a ligazón inseparábel que entre autogoberno e benestar facía o BNG, como dúas caras da mesma moeda, o certo é que sempre me preocupou que esa percepción social que el -persoa informada e non politizada- me transladaba era reveladora dun problema de fondo na nosa estratexia discursiva. Seguramente, en boa medida, o segue a ser. Vén isto a conto porque o catedrático de Facenda Pública Luís Caramés publicou o pasado mércores 15 de xullo no xornal compostelano El Correo Gallego un interesante artigo titulado "La política exterior de Galicia", que me trouxo á memoria as palabras do meu amigo. A tese do autor centrábase na necesidade de que, en base ás súas peculiaridades sociais, económicas e culturais, Galiza debía facer valer os seus intereses no contexto internacional, a través da súa propia voz e representación. "El papel del Gobierno de la Xunta es indispensable, ejerciendo una paradiplomacia que no debería asustar, puesto que no va contra nadie, sino que servirá para ayudar a los agentes económicos radicados en Galicia, habida cuenta, por otra parte, que la diplomacia española no destaca especialmente por sus preocupaciones económicas y comerciales", afirmaba o autor. Parágrafos antes, Caramés apostaba pola reforma do actual Estatuto e dun necesario consenso político para un novo que garantise que, entre outras cuestións, "dentro de relaciones complementarias de lealtad, y en su caso, búsqueda de masas críticas junto al Gobierno central u otros autonómicos, el Ejecutivo gallego no quedase a merced, desde su propia normativa, de voluntarismos u ocurrencias partidarias ajenas a sus intereses." A cursiva das últimas palabras é miña.

Acredito en que, con toda certeza, son hoxe moitas as persoas que desde distintas sensibilidades políticas podemos coincidir na necesidade de ligar a esixencia de máis autogoberno á consecución de máis benestar, máis riqueza e máis calidade de vida para o conxunto da poboación. Mesmo á marxe do que desde o nacionalismo consideramos é a lexítima defensa do dereito que todas as nacións teñen de se gobernar a si mesmas, moitos outros sectores da sociedade, que pouco ou nada teñen a ver coa opción política representada polo BNG, entenden, asumen e defenden hoxe abertamente os beneficios que para o noso país ten contar con máis competencias para a acción de goberno, máis peso político en Madrid ou unha identidade propia e singular que poida ser empregada como valor engadido diferencial no contexto dos mercados globais. Sábeno ben sectores como o vitivinícola, o pesqueiro, o lácteo ou o cultural. E sabíao tamén boa parte do PP de Manuel Fraga, comezando por el propio. Tanto que aquel PP non só se coidaba moito de non refugar da nosa identidade senón que mesmo tentou teorizar -con apelacións ao galeguismo de Brañas incluídas- unha sorte de galeguismo popular que dalgunha maneira viñese a ser o correlato galego do nacionalismo vasco do PNV ou do catalán de CiU, ocupando o espazo simbólico que deixara baleiro a desaparición da experiencia reformista de Coalición Galega. Salvando todas as distancias, tratábase de asentar a idea do PPdG como partido galego por antonomasia: o normal aquí era ser galeguista e do PP. E para iso falouse de "autoidentificación", deseñouse unha estratexia discursiva folclorista e mesmo houbo quen se situou nos "límites da autodeterminación".

O novo PP de Feijoo nada ten a ver co da época Fraga. O que sorprende non é a mudanza nas caras e a súa conseguinte variación cara un discurso que se prevía máis urbano, máis pijo -se se quer- e aparentemente máis técnico. O que sorprende é que esta suposición -o paso dunha certa ensaladiña ideolóxica (boinas e birretes) con grande capacidade de actuación social a unha gobernanza máis eficaz nos contidos e con máis finezza nas formas- demostrouse radicalmente errada. Pola contra, o goberno Feijoo mostrouse polo de agora como un goberno politicamente moi agresivo no plano ideolóxico e tamén moi inoperante e ineficaz no plano práctico. Tanto que son xa frecuentes os artigos de prensa e as opinións off the record que desde o propio mundo do PP galego denuncian que o presidente está máis dedicado a facer puntos nos ambientes políticos madrileños que a gobernar con eficiencia a propia Xunta. Explicaría isto, ou cando menos axudaría bastante a entendela, a obsesiva teima de Feijoo contra todo o que é simbolo, identidade, singularidade galega, e tamén o abandono dun discurso centrista e moderado, vagamente galeguista, por unha escora cara posicións ideolóxicas que xeran problemas na propia Galiza e só contentan aos sectores máis integristamente reaccionarios do Estado: a extrema dereita -política e mediática- madrileña. O problema é que, obxectivamente, esa teima españolista de Feijoo supón unha perda de peso político de Galiza no Estado e un camiño de "rexionalización" cara abaixo, que nos fai descender cara a segunda división autonómica con consecuencias importantes para a nosa economía e benestar. O problema, polo tanto, témolo todos. E máis se a esta agresividade no discurso a acompaña unha importante inacción no político, que revela ausencia de ideas e febleza nos equipos de xestión. Non se pode calificar doutra forma a desaparición do Goberno galego nos temas centrais destes meses: os ERE´s do téxtil, a crise do metal, a desesperada situación do sector lácteo, o aumento do desemprego, ... Só unha cuestión como a lingua foi merecente de atención prioritaria: iso si, para recortarlle dereitos e impoñer os primeiros retrocesos da democracia neste ámbito. Aplicando a análise do meu amigo, o goberno Feijoo non fala dos problemas reais do "día a día", senón que emprega temas simbólicos para a súa acción política, desviando así a mirada da conflitividade social existente.

As "ocurrencias partidarias" das que falaba o catedrático Luís Caramés estanse manifestando xa en contra dos intereses obxectivos da economía e da sociedade galega. Falta saber, con todo, se socialmente se está tamén a percibir así ou se aínda os poucos meses transcorridos desde o cambio de goberno fan ineficaces as críticas á actuación de Feijoo. O importante, en todo caso, é que a sociedade galega reaccione na defensa dos seus propios intereses, máis alá da confrontación goberno - oposición. Unha sociedade madura precisa de máis liberdade para opinar e de máis capacidade de debate e actuación desde os axentes da chamada sociedade civil. Especialmente importante sería, neste contexto, que o "galeguismo" que supostamente habita nos partidos estatais e moi nomeadamente no propio Partido Popular fixese, por unha vez, acto de presenza real con sentido de país, antepoñendo os intereses colectivos da nosa sociedade aos seus particulares e partidarios. Porque, como ben explica o escritor Mario Regueira no seu blog, "a fe non serve cando falamos de política, ou non serve durante moito tempo. Se hai galeguismo impregnando os grandes partidos é hora de que saia do armario, que se faga visíbel e rompa, de ser necesario, a disciplina de voto. Que nos demostren con algo que non sexa a simple afirmación mística que esa estratexia do piñeirismo realmente tiña algunha utilidade positiva. É a primeira vez que desexariamos estarnos trabucando".



Nota: na foto, Feijoo e o presidente de Iberdrola abrázanse no día da investidura do primeiro como presidente da Xunta.

3 comentários:

  1. 1-
    Aínda que de maneira moito máis contundente e radical do que se podía esperar, eu creo que o que están facendo é seguir o calendario máis lóxico nunha acción política: desmontar canto antes e lonxe de citas electorais todo o que non gusta, aínda que sexa socialmente conflitivo, e, nunha segunda fase da lexislatura tratar de que a sociedade esqueza isto e construír (é un dicir) ó seu gusto. E o malo é que a xente esquece.
    Agora toca tirar coa casa de pedra, e despois xa se fará unha de pladur, que campa moito pero non dura nada, para podela vender.

    2-
    Parece ser que se anda de novo coa idea de reformar o Estatuto. Sinceramente, aí sorpréndeme por moderada a postura do PP, sexa a que sexa. O que eu esperaba deles a estas alturas é que suprimisen o Estatuto e que devolvesen a Madrid todas as nosas competencias (incluído o Presidente da Xunta)... ou xa se fai sen dicilo?

    3-
    Creo que mañá mesmo bota de novo a andar a Fundación Ágora, que vén a ser coma as FAES en versión enxebre. "Coidado! Vén xente!" que diría Rivas.

    Saúdos e saúde (que tamén anda por aí a gripe)

    ResponderExcluir
  2. Olá,

    para min o goberno Feijoo está sacando a careta e mostrandose como é: agresivo e inoperante. Concordo na intelixencia de, se o plan é derrubar, facelo canto antes. O que pasa é que se están pasando de frenada, porque incluso en xente do PP está molestando tanta inquina contra o galego e tanta agresividade nos temas simbólicos e identitarios, mentres no resto se mostran incapaces: o Banco de Terras non o eliminan porque saben que é unha moi boa idea, o concurso eólico non teñen forma de tocalo porque está ben resolto e non se atreven a tumbar a concesión a empresas galegas para darlla a Iberdrola, ás galescolas só lles mudaron o nome e contra a crise do téxtil, do metal, do lácteo... non foron capaces de facer nada de nada (aqui cómpre recoñecer as poucas capacidades reais que ten a Xunta, mais eles eran sabedores e empregaron ese argumento na campaña). As grandes medidas que se lle coñecen a este goberno son os ataques á lingua galega e a subhasta dos Audis que eles mesmos compraran na época Fraga. De chiste.

    Unha explicación pode estar en que Feijoo teña as miras postas en Madrid no futuro, e queira quedar ben coa caverna mediática, mais iso sería profundamente desleal co país e indigno do cargo que ocupa. Ao cabo, non é un administrador de fincas, é o presidente galego. Non hai que descartar que efectivamente no plano ideolóxico o PP de Feijoo se radicalizara con respecto á época Fraga. Sería lexítimo que o fixese. O que xa non é lexítimo é que antepoña os intereses partidarios e persoais aos do conxunto da sociedade galega, como está facendo. El é o presidente de todos os galegos e galegas, débese ao cargo e debería manter un mínimo de altura e honorabilidade nas súas actuacións. Por exemplo, as súas teimas ideolóxicas en ningún caso poden xustificar actuacións que debiliten a convivencia, o ben común, o que é de todos ou os intereses da propia sociedade galega. Lonxe diso, faino diariamente e segue en campaña eleitoral contra os demais, e coa Voz do seu lado.

    ResponderExcluir
  3. Que? Os tetralingües (sen que na tetraloxía entre o galego) Ágora de Galicia?

    ResponderExcluir

Comentarios