Cultivos transxénicos


Leo Cultivos transxénicos, o poemario de Carlos Negro que mereceu o premio Victoriano Taibo de Poesía 2008. Collo un caderno da mesiña de noite e anoto as seguintes palabras: ferida, dor, ausencia, morte, baleiro, perda, identidade, terra, memoria, natureza, traballo. Lembro ter falado disto, da necesidade dun libro así, hai anos con Sino e con Tono. Pensabamos nunha novela, pero Carlos Negro escribiuno con poemas. Achégaseme por un lado o John Berger da Porca Terra e por outra o rapaz que nunha foraborda supera a toda velocidade á lancha na que rema e pesca un vello que o mira comprendendo, desde un texto do Tic Tac de Suso de Toro. Tamén Rivas anda polo medio, e seguramente o asturiano Xuan Bello. Desa ferida e desa consciencia nacen os poemas de Cultivos Transxénicos, desa ruptura sociolóxica e das dificultades de comunicación entre o mundo dos avós e dos netos, dese rural vivo e productivo transmutado en paisaxe musealizada cando non agredida. Da escrita e das análises posíbeis desde as cidades dormitorio. Un dos máis interesantes libros de poemas, na miña opinión, dos últimos anos, que máis alá do seu compromiso coa linguaxe resulta tamén eficaz retrato social do tempo que vivimos na Galiza de comezos do XXI. Sen profetizar patrias nin vender lirismos, consegue albiscar o leite baixo a tona.



Notas previas a unha novela-río

O tempo da historia abrangue tres xeracións.

O tema:
a desposesión violenta dos nomes da terra,
o cambio de valor das propiedades rústicas
-do cultivo de millo á especulación urbanística-.

A trama:
a disgregación da tribo en células unifamiliares,
en parellas de extrarradio que asinan hipotecas
a máis longo prazo ca os compromisos de amor.

O estilo:
unha sucesión fragmentaria de impactos visuais,
unha ruptura cos recursos do real marabilloso,
pois as trabes de ouro xa non sosteñen a historia.

Un título hipotético: cidade dormitorio.


Memoria Ram

Na cidade dormitorio non existen os avós.
Seres estraños que están lonxe da autoestrada.
Falan sós, lembran os nomes dos mortos e das casas.
E gardan no disco duro o pouso das ausencias.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios