Nunde ke no na bai?


Se algo están resultando estes días finais de xullo é realmente clarificadores dos intereses reais que representan moitos dos axentes sociais e políticos do Estado. Os exemplos acumúlanse nas páxinas dos xornais, e a linguaxe empregada merece análises que procuren non ficar na simple epiderme.

A dereita sen disfraz
Unha das novidades políticas do verán foi a ruptura do chamado diálogo social (conversas entre sindicatos, empresarios e goberno), provocada pola patronal -a CEOE- seguindo instrucións directas do Partido Popular. Poucas veces a alianza entre a dereita política e a económica -a clase dirixente empresarial- fora tan evidente e desinhibida nos últimos anos (as eleccións galegas, con todos os poderes fácticos traballando para a vitoria do PP, foi tamén un bo exemplo). A cousa chega ao límite coa inefábel Esperanza Aguirre empregando o termo "sindicalista" como se fora un insulto: Zapatero é, segundo ela, un "sindicalista retrógrado e piquetero". Negativizase pois a defensa dos intereses das maiorías sociais, dos traballadores, vinculándoas ao pasado e á conflitividade, ao tempo que se defende destinar millóns de euros do erario público para a salvación da banca privada. En Galiza, a situación -a política económica do goberno Feijoo- resulta directamente indignante e surreal: baixan as axudas públicas ás pequenas e medianas empresas para creación de emprego e aumentan as directas ás asociacións de empresarios!

Os progres e a renuncia permanente
Para os que se pensan progresistas por ler El País, estes son días tamén esclarecedores. Xa Cebrián -en defensa dos intereses económicos de Prisa en Iberoamérica- pensou hai tempo por eles e agora cómpre que outros dos habituais -Moisés Naim, Vargas Llosa, Juan Cruz, ...- divulguen a verdade revelada: a esquerda popular latinoamericana é perigosa e antidemocrática. Así, sen discusión posíbel. Tanto dá que os presidentes de Venezuela, Bolivia, Ecuador ou Honduras gañasen limpa, reiterada e amplamente as eleicións (que por certo contan con observadores internacionais que confirman a lexitimidade dos procesos e garanten o voto en urna nos consulados para os seus emigrantes). Para El País, o problema non é a dereita golpista de Venezuela, os terratenentes millonarios de Bolivia que non aceptan ao indíxena Morales, a corrupción das oligarquías beneficiarias dos reximes dictatoriais ou títeres sudamericanos. O problema, pola contra, son aqueles que se afanan -con todos os erros, contradicións e histrionismos que se queira- en darlle a volta á tortilla, remover de verdade o statu quo e poñer aos pobres, aos que menos teñen, por vez primeira no centro das políticas e dos intereses dos seus Estados. A lixeireza coa que os medios de Prisa condenaron o golpe militar en Honduras e a mornura coa que van instalando día a día a idea de que a solución pasa por repartir a culpa e non pola restitución democrática do goberno electo están sendo absolutamente reveladores para todas aquelas persoas que aínda están dispostas a querer ver.

Agochar o baleiro lixando os símbolos
Feijoo gañou as eleicións, en boa medida e alén de polos evidentes erros do bipartito, pola capacidade pactada coa Voz de Galicia e os poderes fácticos para xerar un estado de malestar social baseado en ideas forza que en pouca ou ningunha medida se correspondían coa realidade. Sabedores de que a esfera pública reside hoxe nos media, fabricaron e amplificaron discursos forzados que acabaron sendo asumidos como reais por boa parte da poboación. O caso da "imposición" do galego quizais sexa o máis evidente e chamativo. Ocorre que Feijoo e a Voz de Galicia gañaron as eleicións, e agora teñen que gobernar. Porén, día si e día tamén, vemos que o discurso non varía: os temas a debate seguen sendo os identitarios. O galego no ensino, a bandeiriña nos mandís das galescolas, os audis subhastados polos mesmos que os compraran antes, ... auténticas cortinas de fume que serven para agochar a nada absoluta, a ausencia de proxecto e de ideas, a incapacidade para gobernar. Porque van alá xa 100 días, nos que Feijoo demostrou que o único que lle interesa é facer carreira en Madrid. Para conseguilo, a estratexia semella pasar pola "rexionalización" de Galiza e a súa conversión nunha autonomía de segunda división, acompañada dun furibundo ataque aos seus símbolos de identidade, co que consegue satisfacer á caverna político-mediática madrileña. Unha deslealdade e indignidade institucional constante que, ademais, oculta e acompaña unha realidade máis dramática: o goberno galego non actúa, non existe, dimitiu das súas responsabilidades para coa economía do país. O Feijoo que en 45 días ía resolver a crise -tal insensatez dixo en plena campaña- mantén o goberno ausente diante da situación do sector lácteo, téxtil ou naval. Por riba, para alén de non actuar négase a dotar a Galiza de instrumentos legais que blinden e aumenten a nosa capacidade de autogoberno e de benestar, que tal cousa supoñería contarmos hoxe cun novo Estatuto que nos igualase en dereitos ao xa aprobado polos cataláns. Esa é a súa grande responsabilidade. Cómpre que a sociedade e os partidos galegos lle lembren as súa obrigas institucionais como presidente ou, pola contra, poñan en evidencia a súa incapacidade para gobernar.

Cara onde nos levan? Ou cara onde imos, que preguntan os rapeiros da iniciativa Big Up GB, da Guiné Bissau, nun disco editado como resposta aos asasinatos políticos perpetrados nos últimos meses neste país africano de lingua oficial portuguesa. O prezado Manecas Costa lembrara con Narf en Santiago a situación pola que pasa o seu país e a necesidade de traballar pola paz e polo respeito á democracia. A situación dos países que na América do Sur e na África sufriron no seu día a colonización continúa a explicarse en boa medida en función dos intereses económicos que as antigas metrópoles manteñen neles (no caso africano) ou pola influencia das multinacionais ianquis e da política exterior estadounidense (no latinoamericano). O capitalismo depredador do primeiro mundo segue a precisar patios traseiros, territorios empobrecidos pola explotación dos que extraer as riquezas (petroleo, diamantes, ouro, ...) a prezo de saldo e a través de man de obra barata e sen dereitos. Cando algún deles ousa tentar vías propias para saír da súa situación, estas son sempre cortadas de raíz: golpes de estado, gobernos títeres, guerras civís, acusacións de terrorismo, propaganda mediática e acusacións de populismo, ... todo serve con tal de manter os privilexios. E se Obama fose africano?, se preguntaba nun imprescindíbel texto Mia Couto.

2 comentários:

  1. Tamén o PSOE é moi de cortinas de fume e medidas efectistas que tratan de agochar que na política económica case nada vai cambiar, non che parece? Un exemplo de moitos posibles: e súpeto vaille a vida en modificar a lei do aborto cando antes de que a crise saltase ós medios parecíalle que ese tema "non interesaba ós cidadáns". O bo é que estas cortinas de fume son medidas moi benvidas por xente de esquerdas coma nós.

    ResponderExcluir
  2. Si, desde logo. O peor deste asunto é que mesmo pode parecer que nós defendemos as políticas económicas do PSOE, cousa que non é así en absoluto. O que si me interesa é poñer en evidencia a retórica da dereita e como vai negativizando os valores e axentes da esquerda. Claro que o PSOE llelo pon fácil, porque non responde.

    ResponderExcluir

Comentarios