Joyce, as feridas e a merda de ser galego

1. Anda Feijoo de teórico do autonoxo, atrevéndose a falar sen coñecemento -ignorancia-, ou o que é peor, desde o convencemento e a consciencia da súa mentira -mala fe- . Ser cosmopolita é perder a identidade, desaparecer na uniformización que predica e provoca o mercado, non ser, non existir. Descubrímolo agora da man do noso presidente, nós que pensabamos Galiza, desde hai un século, célula de universalidade. Nós que quixemos ser universais desde o local, e temos no ADN a vontade de sermos iguais ao resto. Nós que fomos e somos anti-imperialistas. Temos que ler agora estupefactos a Feijoo e descubrir que somos uns paletos, uns atrasados, uns renegados do progreso. Leano vostés mesmos, déixense insultar na intelixencia. Aquí as súas verbas, acaidamente analizadas no blog Lándoas. E aquí un artigo de resposta do Ferrín.

2. Traduce Suso Acevedo n´el toupo que fuza a Flann O´Brien. Cousas de xente pouco cosmopolita, xa saben. Léano, léano tamén. Proe a ferida, doe a certeza da derrota e manca na lingua e no corazón a esperanza.

3. Davide Senén Outeiro colga no facebook un anaco xenial de Trainspotting. Escocia, Galiza, Irlanda. Bocapobres colonizados, emigrantes, negros da europa. Todo iso quixeron facer -e fixeron- de nós. E velaquí andamos, como reclamaban os estudantes de Légitime Défense: con vontade de discutir nós a nosa negritude.



4 comentários:

  1. Tan brillante este post enfadado (e con razón) como pérfido o discurso de Feijoo. Triste, tristísima, esa idea patética de que o cosmopolitismo comeza aí fóra. Se trasladamos o discurso a un plano económico, sería unha invitación a emigrar. Para que vas quedarte na túa terra se tantos outros triunfaron fóra?

    ResponderExcluir
  2. Totalmente dacordo, frenchchou.

    A ver, e digo eu... Que os escritores monolingües de español aprendan e escriban nunha das outras tres linguas oficiais do Estado e recoñecidas como linguas españolas na súa sacrosanta Constitución, se tan cosmopolitas somos todos!

    Pero a solución ideal en realidade xa sabemos todos onde está: escribamos todos directamente en inglés, o colmo do cosmopolitismo... Claro que o idioma do futuro xa sabemos que é o chinés, así que mans á obra, cidadáns do mundo!

    ResponderExcluir
  3. Tamén manda narices que o pequeno presidente nos veña agora dando leccións ós galegos de cosmopolitismo, espallados como estivemos sempre polo mundo sen renunciar á nosa identidade. Que aleccionador...

    ResponderExcluir
  4. Ademais, é que escribri en castelán non só non é garantía de nada senón que pode ser o contrario. Xa sei que na mente de moitos pode estar Torrente ou Valle-Inclán -que serían bos escribisen no que escribisen- ou algunhas das obras de Cela. Pero pensemos noutros:

    A Cunqueiro deulle máis sona e mérito o feito de escribir algunhas obras en castelán?

    É máis recoñecida Luz Pozo por escribir inicialmente en castelán?

    Incluso Rivas, ¿faille algún caso alguén a "Galicia, el bonsai atlántico", que me gusta moitísimo, por estar en castelán? Se cadra, se estivese en galego era moito máis citado e, de rebote, a tradución ó castelán podía ter máis éxito.

    E poderiamos seguir con moitos outros autores que teñen obra en galego e obra en castelán, e non é precisamente a segunda a que lles dá sona e mérito.

    ResponderExcluir

Comentarios