Democracia e dereito á diferencia




Adoito gardar as novas, reportaxes, entrevistas e demais material xornalístico que polo seu interese me semella que merece ser salvado do consumo efémero dos diarios e as revistas. Entre todos eses papeis acumulados dei hoxe cunha entrevista especialmente interesante, aparecida na sección Guieiro Cultural do semanario A Nosa Terra (número 594, 4 de novembro de 1993). Un antropólogo conversa co xornalista e afirma cousas como estas:

"Unha cuestión relevante é o discurso da modernidade que ven coa roupaxe do universalismo. O discurso hexemónico é que as identidades colectivas son unha rémora, cando non un perigo para a paz e a integridade da xente (...) Penso que é unha trampa bastante burda pero na que cae moita xente e mesmo que se considera intelectual. A universalización é unha macdonalización do mundo."

"Só a partir de auto-recoñecernos podemos abrirnos. Nas relacións entre os pobos sucede o mesmo que nas relacións entre os individuos: se non son eu mesmo nin me auto-recoñezo non podo comunicarme con ninguén. Se un pobo non se auto-recoñece, non revisa a súa historia, a causa da súa situación actual, os elementos marcadores da propia especificidade (que non ten que ser contra ninguén) quedamos convertidos en pezas dun mecano co que outros, que nós non controlamos, constrúen edificios. Rexeito a falsa dicotomía entre profundización na identidade colectiva dos pobos e universalismo. Creo que o que se vende como universalismo é basicamente que todos nos parezamos a unha forma de vida e de cultura determinada, non que haxa heteroxeneidade e pluralismo."

"Hai que defender basicamente o dereito á diferencia. Se non está recoñecido e praticado, non poderá haber democracia nin civilización pacífica. Se non se parte deste respeito, eu estou en contra do discurso da tolerancia porque este é un discurso que se realiza desde o hexemónico. Só pode ser tolerante quen pode ser intolerante, os de abaixo non teñen ningunha das dúas posibilidades. Hai que substituir o discurso da tolerancia polo do respeito."

"O que ocorre desde sempre na historia, pero agora con resultados máis espectaculares porque os mecanismos de manipulación son máis fortes, é que as diferencias foron convertidas en base das desigualdades. Aquí xorde a trampa de que a desigualdade desaparecerá se desaparecen as diferencias. Iso é outra forma de dominación solapada, ás veces inconsciente, pero igualmente rexeitábel. Nun horizonte utópico deberiamos falar dunha democracia de culturas, algo que non sería un melting pot nin unha mestizaxe de culturas. Hai que defender e fortalecer a pluralidade e as diferencias, porque iso está no mundo humano, na natureza. As riquezas da pluralidade e da diferencia fan que pague a pena vivir, mentres que a uniformización -sexa orwelliana ou doutro tipo- é un empobrecemento radical".

"Hai xentes que falan de neotribalismo. A min paréceme que é incapacidade para a análise. A sorpresa dalgúns antropólogos ao tema da pluralidade étnica e nacional que hai no Estado español o único que reflecte é ignorancia da historia, da realidade social e cultural."

Quen realiza estas reflexións non é nacionalista, nin deputado do BNG, nin un perigoso defensor da nosa lingua, identidade e cultura. De selo, recibiría artigos coma dardos velenosos dos escribidores a soldo do novo xornal coruñés do PP, La Voz de Galicia. Mais non é o caso, porque por non ser non é nin galego. Chámase Isidoro Moreno Navarro , é catedrático de Antropoloxía Social na Universidade de Sevilla e está considerado como un dos máis recoñecidos e prestixiosos investigadores no campo dos problemas metodolóxicos e epistemolóxicos desta disciplina. Un rara avis que, como o lingüísta madrileño Juan Carlos Moreno Cabrera, se atreve a argumentar, desde España, a prol do recoñecemento da realidade plurinacional, pluricultural e plurilíngüe do Estado. O premio á súa actitude: silencio mediático e cuestionamento dos seus traballos. Xa se sabe que na España actual, para beneficiarse do circo mediático do españolismo, cotizan alto xustamente os posicionamentos contrarios: negar a realidade propia por máis evidente que sexa e apuntarse ao discurso nacionalista de Ferraz, Génova e Moncloa. Os petos e as carteiras dos vascos Juaristi e Savater, do catalán Boadella ou da galega Rivera de la Cruz poderían contarnos algo ao respecto.

8 comentários:

  1. A tolerancia é a paixón dos inquisidores.

    ResponderExcluir
  2. unha das mellores sentencias dentro dunha das mellores cancións de silvio, si señor

    ResponderExcluir
  3. Moi bon artigo, e dá na clave do que acontece hoxe en dia. Mais estas voces non se escoitan moito..

    ResponderExcluir
  4. Universalismo: eis outro dos conceptos clave do discurso galegófobo que convén deconstruír (ao igual que outros como o de "liberdade", "dereito a elixir", etc.). Seguramente o que máis lles doia a algúns sexa que non faga falta disfrazármonos de "madrileños do noroeste" para sermos verdadeiramente universais. Aínda que non coñezo moi a fondo a historia do galeguismo/nacionalismo galego, penso que hai aí un filón universalista (a Xeración Nós, etc.) que sería bo explotar.

    ResponderExcluir
  5. Xa pero os discursos coma sempre adaptánse ao discurso do que en cada momento conveña, porque si moita liberdade idiomática, moito universalismo, pero cando falamos de liberdade das mulleres para decidir sobre a súa maternidade, iso desaparece e o discurso´ven a ser tachalas de asasinas...Hipocresia deste sistema !!!e contradiccións a sabendas, por conmeniencia!Está visto que as mulleres seguimos a ser tratadas como un obxeto ( e non coma suxetos) e sobre o cal podese determinar e decidir sobre as suas vidas!!

    ResponderExcluir
  6. A dereita apela con frecuencia ao mito da liberdade individual para negarse a avances e dereitos de tipo social e colectivo (a normalización das linguas que o precisan, a xustiza redistributiva dos impostos, a educación e a sanidade públicas e universais), mais cando xustamente falamos do dereito individual a decidir sobre o propio corpo asume unha posición moralizante e quere impoñer unha solución universal a casos e situacións particulares. Do mesmo modo que co matrimonio gay non se pon en risco o tradicional, tampouco con recoñecer o dereito ao aborto se "obriga" a abortar a quen non queira. Mais xa sabemos que no día de hoxe a batalla política dáse na linguaxe e nos medios. Por iso cómpre estar alerta...e dala sen medos e con intelixencia.

    ResponderExcluir
  7. Recuperando o que comentas da batalla da linguaxe, levo uns días dándolle voltas a como se podería encaixar o discurso de GB e similares co que comenta Lakoff sobre a dereita norteamericana en "No pienses como un elefante". Para Lakoff detrás de boa parte do discurso da dereita está unha concepción patriarcalista da familia, e isto é claramente visible no discurso contra o aborto (aquí e en EEUU), e se cadra no discurso de GB e similares tamén o podemos atopar. Non hai que esquecer que esta xente non fai máis que apelar ao amor polos fillos, o dereito dos pais a elixir... no fondo eu vexo esa concepción de familia patriarcalista no que o patriarca decide o que pasa das paredes para dentro e toda intervención do estado vése como unha intrusión, un atentado contra a liberdade persoal.

    Ou igual é que simplemente o discurso da nosa dereita é incoherente e contraditorio e non paga a pena andar buscando elementos que o cohesionen.

    ResponderExcluir
  8. http://landoas.blogaliza.org/2009/07/11/golpe-a-golpe/

    ResponderExcluir

Comentarios