I would prefer not to

Un amigo desde o puro Lérez faime coñecedor da miña progresiva condición bartlebyana. Confirmo cun sorriso telefónico. Os cadernos e fóleos palidecen enriba da mesa. Apetece saír de aquí, deitar os ollos no norte, na longa area da Area Longa. Ou marchar cos Homens á súa fantástica Ilha Formosa: non será mellor, pero será distinto. Aparece pola porta a brincadeira recorrente que facía con outra amiga, desta vez de Fornelos, sobre como ficar pétreo, vexetal ou gaseoso no escritorio. Sen molestar, a cada máis invisíbel. Virían os novos e ela por alí, mirando chover desde os vidros, á marxe do boureo excitado do diario acontecer das cousas. Días estraños, solitarios, sen alma. Tocoume a min. Procuro refuxios musicais, e por riba en galego! que di o Festigal. Moverémonos. Como apetece este ano, despois de tanta inquina, mentira, suciedade. Teño no coche o cedé preparado para as viaxes: Narf, Ataque Escampe e Paul á sombra, Fanny & Alexander, Machina, Magritte, Guadi Galego, Uxía, Susana Seivane, Carlos Núñez, Novedades Carminha (Eu non quero ser gaiteiro / nin ler a Ramón Piñeiro / uso gafas Castelao / para ler a Lois Pereiro / Uhh uhhhh/ Mata a teu pai). Non renunciaremos a un verán de pop, de alegría, de beixos, de noites e salitre, de azul e branco e vermello e suor. Divertido, sereno, luminoso. A nosa vinganza -di Tito- é ser diferentes.



2 comentários:

  1. eu non leo a ramón piñeiro / eu quero ver a superpiñeiro10 de julho de 2009 às 12:33

    A caza de bruxas do PP continúa: despois da depuración do Aberto por Reformas e do Libro Aberto, agora eliminan tamén Acompáñenos, o programa que X.M.Piñeiro presentaba todas as tardes na Galega. O motivo, que SuperPiñeiro ousou levar a contraria a Gloria Lago cando o da manifestación dos bífidos antes das eleicións. TVG vai camiño de se converter no Telemadrid de Esperanza Aguirre.

    ResponderExcluir
  2. Bartleby The Scrivener15 de julho de 2009 às 13:21

    Bienvenido al club.
    Y enhorabuena por tener un amigo tan culto.

    ResponderExcluir

Comentarios