Tratoradas e país


Onte dous mil tratores ocuparon as rúas de Compostela. Non o fixeron porque si, non se lles perdera nada nesta cidade de funcionarios, universitarios e curas. Non estaban de vacacións. Viñan para a defensa dos seus traballos e da súa forma de vida. De paso, da nosa economía, da nosa capacidade para producir, do noso medio rural. Páganlles o litro de leite por baixo do que custa producilo, unha situación que só pode levar á ruína. O Goberno galego cala, auséntase, dimite da súa responsabilidade de gobernar. Só tiñan o discurso falaz do Audi de Touriño, a propaganda gris e sucia da Voz de Galicia. Agora, coma sempre, miran para outro lado e son desleais cos intereses das maiorías sociais. O mesmo fixeron e farán- se poden- coa enerxía eólica que producen os encoros que inzan os nosos ríos e os parques eólicos que se erguen sobre os nosos montes. Destas cousas cumpría falar: da necesidade dunha banca pública galega que -vista a situación das caixas e dos bancos- reactivase o crédito á economía produtiva, da esixencia imperativa que a nosa sociedade debería facer para que o beneficio da explotación do medio natural revertise na xeración de emprego e riqueza no propio país, da intelixencia e lealdade que tanta falta facía -e non houbo- á hora de fixarmos unha postura galega na negociación do modelo de finanzamento autonómico. Por non falar do novo Estatuto. Por non falar do desleixo e a ignorancia contra a propia identidade. Eses son os temas que definen as posicións duns e doutros.

Hai anos, cando as políticas da Unión Europea obrigaban ao Estado español á reestruturación do seu sector primario, os gobernos socialistas preferiron defender o aceite e a laranxa. Andalucía, o Levante, Cataluña. Quen debía pagar o pato da entrada na CEE era o campo galego, que ben podía converterse en reserva forestal. Seica estaba, dicían, "sobredimensionado". Non estaban sobredimensionadas Nestlé, Parmalat ou os conglomerados do leite francés, beneficiarios directos das cotas lácteas que sufrían os nosos gandeiros, impedidos de producir para beneficio das empresas foráneas, noutro estupendo exemplo da falacia do mercado libre. Hoxe, coma onte, o noso campo sofre peches de explotacións, abandono da mocidade e ausencia de futuro. Os gobernos español e galego, que son áxiles e ben dispostos á hora de dar axudas multimillonarias para o rescate do sector financeiro ou do automobilístico, encollen os ombros e calan. Fronte aos berros dos gandeiros, fronte aos claxons dos tratores, pasan silbando de esguello e mirando para outro lado. Outras veces, coma onte, mandan directamente aos antidisturbios.

Non nos decatamos, seguramente, da importancia que teñen estas mobilizacións capaces de unir a grupos e colectivos diferentes arredor dos intereses xerais do noso país, de fixar posición común para a defensa do que é xusto e necesario para Galiza. Estes exercicios de dignidade colectiva son fundamentais porque contribúen a superarmos, paseniño, o talón de aquiles da nosa sociedade: a súa desvertebración, a súa excesiva atomización, que xustamente a fan máis vulnerábel á manipulación dos discursos mediáticos e dos intereses alleos. O Goberno galego está perdendo unha magnífica posibilidade de demostrar que o é. Podería facelo situándose do lado do seu pobo, dos intereses da súa economía, do futuro da ordenación do seu propio territorio. Mais temémonos que aquela foto do acto de investidura, aquel abrazo entre o presidente de todos os galegos e o máximo dirixente de Iberdrola, ten consecuencias máis alá do simbólico e sintetiza perfectamente a quen obedece e atende cadaquén. Sabedores diso, moitos e moitas, en milleiros, estaremos o 25 en Compostela, en defensa da nosa lingua e da nosa economía. Porque vai ser que as clases aínda existen e que o capital, xaora!, tamén ten patria.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios