Vendemos identidade (I)


O universal é o local sem paredes, escribira Miguel Torga. Só desde a propia identidade, desde o que somos, podemos dialogar en pé de igualdade cos demais. A cultura galega sempre foi unha cultura aberta, cosmopolita, universal. Velaí Rosalía, Nós, Luís Seoane. Son os prexuízos e a falta de autoestima os que constrúen barreiras e promoven a renuncia ao que somos en favor da mímese empobrecedora, da copia que nada achega.

Opinando desde o coñecemento dos feitos e das políticas que leva a cabo, o PPdG concibe a cultura galega non como un valor, senón como un problema. A promoción da lingua e da cultura galega semella estar interiorizada como non desexable polo núcleo dirixente do PP e por boa parte do seu corpo social, que a ven como un risco, como un elemento perigoso para a españolidade uniforme que manteñen como ideal de país. Dicimos PPdG pero desde logo na mesma posición están boa parte do PSOE e todo o feixe de intelectuais -Savater, Boadella, Rivera de la Cruz, .. - que arrodean o proxecto político de Rosa Díaz, un novo lerrouxismo de face progresista e alma reaccionaria. A pluralidade vista como un problema, a diversidade entendida como unha ameaza. No campo do idioma tamén: eu estaría disposto a un 50-50 no ensiso ( o decreto actual, vaia), me dicía un amigo estes días. Por baixo das súas palabras, quizais inconscientemente, latexaba rebelde a propia vivencia súa e miña. El de lingua materna castelá, eu galega: os dous fomos escolarizados nunha inmersión lingüística en español. Mais para el, como para moitos, o máximo aceptable é un 50 % de galego nas aulas. Galego si, ma non troppo. Non vai ser... O argumento de fondo para esta posición nada ten a ver con teorías pedagóxicas ou análise de resultados dos modelos lingüísticos existentes (en ambos casos, o modelo da inmersión en galego sería o máis defendíbel) senón cunha suposta neutralidade e igualdade que garantíría o modelo 50-50. Esquecen, quero pensar, estas persoas que o punto de partida de galego e castelán non é o mesmo, e que unha das linguas parte con franca desvantaxe. Facer xustiza é corrixir esa desvantaxe, para que todos os cidadáns teñamos realmente os mesmos dereitos, de facto e de iure.

O prexuízo contra o galego, o galego como problema, é a principal liña discursiva que polo de agora transmitiu o actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela. "Son tan galego coma os demais", "Eu quero moito o galego", se defende das críticas que recibe. Non se trata diso, nin ninguén lle dixo nunca tal cousa. Para a poesía e os cantos rexionais, tamén a querían os franquistas. Sexamos serios. Só polo feito de ser noso, de ser o principal produto histórico do noso pobo e o seu principal elemento diferenciador como tal, calquer galego podería e debería sentirse orgulloso do noso idioma, mesmo que non o falase. Para alén, do punto de vista económico, hoxe en día a singularidade debe ser vista como un valor engadido, unha marca de calidade que axuda e acompaña a visibilización dos diversos produtos nos mercados globais. Unha botella de albariño pode ser simplemente iso ou pode comunicar consigo as tradicións, as paisaxes e as maneiras de facer das terras onde foi elaborado e producido. Se fai o segundo, gaña valor: valor simbólico, fundamental. Non quere iso dicir que aos amantes do albariño non nos gusten os Riberas del Duero ou os vinhos do Porto. Quere dicir que nós vendemos o noso, e dámoslle valor ao noso, porque aspiramos a poder, a partir del, xerar riqueza e emprego para o desenvolvemento social e económico da sociedade galega. Ser cosmopolita é valorar o que somos, ofertarllo aos demais, saber comunicar o que temos, e ao tempo gozar e apreciar o que se fai noutras terras. O que non é cosmopolita é renunciarmos a nós mesmos, facernos de menos, agochármonos baixo identidades prestadas, poñer acento madrileño non vaia ser que se saiba que somos de aqui. Cousas tan obvias -a diferencia entre ser normal ou ser un paleto- non deberían ter que ser explicadas nesta altura. Agora que coñece Nova York, ao conselleiro só lle falta coñecer a Ribeira Sacra, Lois Pereiro, Eduardo Blanco Amor. Créanme, non son incompatíbeis.

Um comentário:

  1. A cultura e as línguas non requiren amor, o que precisan e merecen é respeto.

    ResponderExcluir

Comentarios