A cousa dá para falar. A chulería e extremismo do conselleiro de Educación, a política eólica de Feijoo e Iberdrola, o odio e persecución do Goberno galego contra a nosa lingua, a piscifactoría en Touriñán, a confusión absoluta entre xornalismo e boletín partidario do poder, ... Alguén terá que, con claridade e pedagoxía, contrapoñer desde xa o que foron, unha por unha, as grandes liñas do goberno bipartito -progresista, galeguista e moderado de máis- e as deste goberno Feijoo -conservador, españolista e neoliberal até o extremo-. Porque cada día que pasa, se houber quen o publicase e difundise, e se no canto de regate curto houber visión de xogo e intelixencia, hai novas oportunidades para evidenciar con clareza o que foi un e está sendo outro. Alguén terá que dicir a que se dedica este goberno, empeñado en mudar acordos por desacordos, en xerar conflitos (lingua, ensino, educación infantil, enerxía eólica, ...) onde non os había para empregalos como arma eleitoral, decidido a enlamar a política parlamentaria e a controlar todos os medios de comunicación, disposta a facernos retroceder aos tempos previos á transición no que atinxe aos nosos dereitos colectivos como pobo. A sociedade galega non merece tanto autonoxo, tanta radicalidade, tanto servilismo. E bótase en falla quen explique nas rúas o que acontece.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios