Tontos úteis




Que o estado maior do PP decidiu hai tempo empregar a lingua como elemento de división no bipartito, a través do cal crear conflito en beneficio propio, é algo hoxe sabido por calquera persoa cun mínimo de interese e de sentido crítico á hora de ler o que subxace ás novas dos xornais. Tamén o é o exitoso resultado da estratexia (o propio PSOE acabou por interiorizar, en plena campaña eleitoral, as mentiras do discurso do PP sobre a acción do Goberno no ámbito da normalización lingüística, ámbito que, lembremos, dirixía ese propio partido a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Consellaría de Educación).

O que non é explicábel é que, a sabendas diso, haxa quen non aprenda do pasado e teime en recuncar, unha e outra vez, nos mesmos erros. Iso é o que fai o PSOE na Coruña, entrándolle ao xogo ao Partido Popular -de forma tan vergoñenta coma torpe- na cuestión do topónimo. Vergoñenta porque lle vén a dicir, vía epistolar, un "yo no lo cambio, pero si tu lo haces me parece bien". E torpe por actuar de tonto útil dunha estratexia coa que, a través da cuestión do topónimo e da lingua, o PP quere e vai camiño de conseguir o que non conseguiu democraticamente nas urnas: facerse coa alcaldía da Coruña.

Que ninguén no PSdG pareza darse conta ou, de se dar, pareza quen de poder poñerlle remedio a tal disparate resulta clarificador da ambigüidade ideolóxica e da deserción que neste partido se practicou con todo o que tiña a ver coa identidade galega, e tamén coa súa propia partidaria en relación coa mesma. O PSdG leva décadas -perdóenme o tópico- sen saber se sobe ou baixa no seu posicionamente sobre a nosa lingua e cultura, e a súa obediencia estatal mutou en Galiza nunha aposta municipalista que, para vencer no local, soltou carga ideolóxica e se contrapuxo erradamente a unha necesaria definición e visión de país, da que aínda hoxe carece e que explica, en boa medida, a súa situación e postura en moitos dos temas centrais para o mesmo.

A ruptura do actual pacto de goberno na Coruña, que procura o Partido Popular a través da xeración interesada dunha polémica -máis mediática que real- arredor do topónimo da cidade, sería unha pésima noticia para a maioría de cidadáns e cidadás que, a nivel galego, desexamos unha alternativa de progreso, sólida e estábel, ao goberno Feijoo. Facela posíbel esixe claridade e definición inequívoca nalgunhas cuestións; non moitas pero si centrais. A lingua galega é unha delas, irrenunciábel. Non saber velo e participar da estratexia de quen, para a súa utilización eleitoralista, apostou por mentir, por incumprir as leis, por rachar consensos e por mudar acordos por desacordos supón un exercicio de extraordinaria gravidade.

3 comentários:

  1. Perdoa, pero a polémica sobre o topónimo da Coruña foi xerada hai xa moitos anos polo PSdeG, non polo PP, e Losada e todos os edís actuais do PSdeG participaron desde o consistorio ou desde os seus anteriores ámbitos de acción política nese traballo.
    De feito, os socialistas da Coruña --que agás excepcións teñen de socialistas o mesmo que eu de bispo-- están aínda hoxe a defender o L, e mesmo teñen trasladada á Núñez Feijoo a proposta de que o Parlamento Galego modifique a lexislación da toponimia do país galego.
    Co respecto ao topónimo oficial, o PP da Coruña mantén exactamente a mesma posición que o PSdeG local. Pero hai dúas diferenzas políticamente substanciais, cando Vázquez escomenzou a erguer a bandeira do "español" o PP coruñés non fixo sangue coa teima, e ademáis, agora, o PP couñés é coerente en tanto que o PSdeG ocultou primeiro e hoxendía disimula a súa vontade política ¡¡¡coa única finalidade de manter a alcaldía pactando co BNG!!!
    Nesta historia hai moitas cousas que son de difícil dixestión, e unha delas --aínda que non sexa a máis importante-- é a actitude do BNG da Coruña, que pactou cunha agrupación do PSdeG que ¡¡sen dúbida de nengún tipo!!! non só practica un estrano nacionalismo español comparábel ao do PP, senon que ademáis non é de esquerdas e mesmo no seo do PSdeG mantén posicións que son anti-socialdemócratas.
    Nin a propia dirección do PSdeG entendeu que o BNG coruñés pactara co vazquismo. É un deses "misterios" que por moito que agora se alporice o amigo Tello non teñe lóxica nin terá bo resultado político nin tampouco positiva rendabilidade electoral para o BNG.
    Unha aperta.

    ResponderExcluir
  2. Olá Félix,
    tres cousas:

    1. É certo que PSOE e PP son moi semellantes na Coruña, e que no tema do topónimo foi Paco Vázquez quen encendeu a mecha -estarás comigo en que é un señor moi de dereitas: contra o aborto, con loas constantes a Fraga e desplantes aos sucesivos líderes do PSdG, con maiorías eleitorais de votos socioloxicamente PP nas municipais e derrotas no resto, ...- . Tamén de acordo no españolismo que caracteriza ao PSOE coruñés, e non só. Dicía no meu comentario xusto iso, que teñen un problema grande de indefinición en relación a Galiza como suxeito de dereitos políticos, e de ausencia de proxecto crible ao respecto para gobernala.

    2. Coa perda da maioría absoluta e o exilio forzoso de Vázquez no Vaticano -condición inexcusábel para un pacto de goberno co BNG- pareceuse calmar e apagar o lume do topónimo, que os máis españolistas tiveron que tragar. É agora o PP quen volve co tema -no que é certo que comparte posición co PSOE- simplemente para forzar a ruptura do Goberno municipal.

    3. Nesa estratexia de forzar a ruptura están, por detrás, determinados poderes da cidade, fundamentalmante financeiros e mediáticos, que entenden que o BNG no goberno é unha anomalía intolerábel. Ese pensamento é compartido polo PSOE coruñés máis españolista e por personaxes pintorescos como os do Ateneo Republicano, etc Hai unha parte do propio PSOE que lle fixo e fai a cama a Losada, e desde logo que tenta facerlle a xestión imposíbel ao BNG. O obxectivo é rachar o goberno municipal, aínda a custa de darllo ao PP.

    Polo demais, dos meus desta non falo :)

    Apertas grandes,
    Xavier

    ResponderExcluir
  3. Non hai diferenzas sustancias entre o que opinamos (eu tamén prefiro non falar máis da posición do BNG coruñés, pois me consta que Tello é políticamente honesto, aínda que estea trabucado na súa táctica ao considerar que o PSdeG local pode mudar posicións; mais o PSdeG coruñés non pode renunciar á que é a súa esencia).
    Xusto neste senso, quixera engadir un detalle que ao meu parecer é substancial: a clase dirixente da Coruña --as "familias" con máis influenza e poder socio-económico-- é profundamente localista e españoleira, tanto que non necesita ser antigaleguista ou antigalega, Galicia só lles interesa como mercado ou --agora mesmo-- para impór o seu poder financeiro, coa caixa de Méndez de bandeira e utilizada como ferramenta.
    Antes que galega, Coruña é A Coruña

    ResponderExcluir

Comentarios