Cando a tarde pousa sobre o despacho, ou sobre as pedras gastadas que me levan de volta á casa. Cando queremos rabuñar minutos para adicarnos en silencio, e ao silencio, e non temos moi claro se queremos que o tempo pase ou nos deteña nunha hora determinada. Hai semanas que gostaría de comprimir, rebobinar, cortar e pegar. Semanas en que sinto que vivo máis nos libros que nas rúas, nas cancións que na casa. Ha de ser explicábel, seguramente algunha patoloxía leve, propia de pasar novembro lonxe de Ribadeo, ou afastado dos territorios da ilusión. Cansazo. Durmir. Nas palabras de Sarri nun café de Mondoñedo, na descuberta do país e das mulleres do país, realidade negada (o país, as mulleres) e que tanto precisamos desvendar, liberar, normalizar. En noites coma estas nacemos á música entre as sabas (Cuando los elefantes sueñan con la música), habitamos territorios que nos agocharan no día a día -para nada nunca volver ser igual-, revivimos partidos e xustificamos entrenos, sábados diante dunha canastra, chándals que sempre quedaban pequenos ou grandes de máis. Nos libros de texto había capítulos dos que só mirabamos as fotos, porque nunca a eles chegabamos. A min chamábanme a atención aquelas fotos e imaxes - moitas aínda en branco e negro-, aquelas palabras que semellaban alleas, inventadas por alguén de quen nada sabiamos, das que ninguén nos falara: Galiza, autodeterminación, ceive. E nunha Feira do Libro Galego, en Ribadeo, mercara aquel especial sobre Celso Emilio Ferreiro, sen saber moi ben o que compraba. Velaquí que hoxe esas fotos son parte da casa dun, da casa común dos que queren pensar Galiza doutra forma, e andaban dicindo cousas (xa no 2008!) que ata o propio PP ten que acabar apoiando agora. A realidade imponse mesmo sobre a galbana e o pesimismo, e obriga a manter os lumes acesos, a semente nas mans, as palabras nas gorxas, por moito á intemperie que nos sintamos e apeteza apagar a luz e espertar nunha aldea lonxe do mundo.
LOOKING FOR ERIC.
ResponderExcluirQuero recomendarche esta peli. É a única que puiden ver en CINEUROPA (loxicamente fun a tiro fixo dada a miña boa relación con Ken). Como en V.O.S. non a vas poder ver pode que non sexa tan pleno o goce pero non te vas arrepentir. Este venres nas salas comerciais. Xa lla recomendei a varias persoas e concordan comigo.
http://www.elpais.com/cartelera/peliculas/buscando-a-eric
Obrigado, Serxio. Hei de vela seguro, que me apetece. Ademais Loach sempre me gustou (agás Tierra y Libertad, que me pareceu bastante floxa, ademais de "buenista-troskista".
ResponderExcluirApertas grandes!