Revolta altiva


Fora Jean Genet quen dixera unha vez que nunca vira un banqueiro fermoso, bonito, guapo. A beleza procurada atopáraa anos despois, entre os palestinos, fascinado pola entrega absoluta daqueles mozos e mozas que vivian alegres e orgullosos o feito de formar parte do seu movemento de liberación. "Xa belos de por si, a medida que os feddayin se liberaban da tradición embelecían aínda máis até o punto de se tornaren luminosos entre os árabes que ficaran exteriores à loita. [...] Os feddayin eran dunha beleza fresca, inxenua, ofrecida á intelixencia. [...] Esta beleza nova, a eles nacíalles da revolta.” Sobre Genet e as súas apreciacións escribiu ao respecto Raphael Alvarenga: Armados e organizados, negros americanos, palestinos e jovens militantes alemães encarnavam aos olhos de Genet uma prática política, uma prática da política, que não se dissimulava na invisibilidade brutal do poder, mas que se mostrava na exposição dos corpos e das armas. O ponto é que a violência transparente destes grupos revolucionários iluminava a brutalidade política operando tanto no seio das sociedades centrais como entre estas e a periferia. Como dixera Genet, "Black is beautiful" porque trae unha liberdade.

A min pásame algo así con determinados artistas, determinadas voces que atinxen coa mirada o corpo dos demais e o engulen e o habitan sen posibilidade de fuxida. Unha tormenta na mirada, un furacán no riso, unha violencia profunda, complexa, extrema, na súa vida. Elis Regina ou
Cássia Eller son exemplos disto, da seducción do maldito, da autodestrución desde unha sensibilidade fóra do común, do talento rebelde que non cabe entre as marxes ríxidas da convención e o posíbel. Amadas polo pobo, sen concesións, ollalas é enfrontarse á verdade e ao arrepío, á beleza e á contradición, á imposibilidade de ficar entre dúas augas. Elis foi voz feminina do Brasil, e morreu nova de máis -como Cássia, como Raúl Seixas, como tantos outros no rock e no pop- para mudar en mito. Unha sobredose de amor, de paixón, de música. Non é difícil ver nos seus ollos, mentres cantan, o riso dos nenos descalzos das favelas, a boca sen dentes das avoas do Kurdistán, a beleza insurxente dos feddayin de Palestina. Disto todo me lembrei mentres a procuraba no youtube.





Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios