Houbo un verán que vivín con Nacib e Gabriela, nun Ilhéus que medraba desbocado entre perfumes de sangue e letras de imprensa. Ás tardes -debía ser primeiro de BUP-medraban desde o cuarto do faiado as músicas roubadas á noite, cuando los elefantes sueñan con la música. Unha radio sen tapa para as cintas TDK, os suores do cacau e do agosto ribadense, e aquel libro con Sonia Braga na portada. Ela e os seus beixos de canela, entre Bastos e Falcao, nos carros de ferro do progreso. O libro -emprestado non lembro por quen- devoreino e remoíno canto puiden, alongando as páxinas, reléndoas, facendo descansos para durmir naquelas músicas que falaban das águas de marzo, das tardes nas praias de Itapua; goceino -podo verme deitado naquela cama- en cada acento e cada cedilha, mastigando a miña língua preta, brasileira, internacional, até entón descoñecida. Anos despois, moitos, acabei por topar con el -a mesma edición, a mesma tapa- nas portas dunha libraría de ocasión -pura casualidade?- polas rúas de Coimbra. E hoxe, por entre a chuva, desde o frío taboleiro do facebook, achegouse Vinicius -evocado por Adriana Calcanhotto-para aquecer as mans ao abeiro da memoria máis gozosa, da inocencia máis feliz, e pousoume de novo os ollos, e os sentidos, na amada Gabriela do Jorge Amado. Sirva e sexa esta tarde acubillo o seu ollar, o tacto das súas follas na memoria dos anos, as cores do que fomos e se foi. O resto, todo o resto, todo o ruído cotiá que nos invade, imos mandalo cun sorriso á tonga da mironga do kabuleté.
Fermoso post, saravá Xavier!
ResponderExcluir:))
ResponderExcluirSaravá Rubal!
Moitos anos despois?? Non será para tanto...Visitar Coimbra sempre é uma delicia!!
ResponderExcluirPois deberan pasar 14 anos ou quince entre que o lin e o volvín atopar (e mercar, que un é fetichista destas cousas). E si, desde logo, é sempre unha delicia achegarse a Coimbra, Porto, Guimaraes...
ResponderExcluir