A mala educación


Gardo para outro día máis inspirado a oportunidade de dedicarlle ao ínclito Aznar un merecido Retrato de home roendo nos lentes. Dará, se o dou feito, para andarmos ao redor de quen foi vítima de si mesmo e acabou convertido en guiñol megalomaníaco, en triste persoa secuestrada polo súa chulesca personaxe, en presidente endiosado, en aclamado líder - vuelve, vuelve! suplican excitados homes e mulleres nas manifestacións do aborto ou do terrorismo, agardando a atención do salvador- das hostes variopintas do franquismo sociolóxico. España, una. Dará tamén para falarmos do seu think tank, FAES, creado a imaxe e semellanza dos institutos republicanos estadounidenses que George Lakoff nos referira nas súas obras, de interesante e actualísima leitura. Unha FAES que promove o pensamento reaccionario, ultra, negacionista, e que sabemos que está detrás de determinadas operacións mediáticas e campañas de intelectuais orgánicos do españolismo, por exemplo no ataque á diversidade cultural e lingüística do Estado. Mais hoxe toca falar da mala educación. Da mala educación da dereita española, ultimamente anfetamínica no insulto, cachonda na ostentación, encantada de coñecerse e recoñecerse. Hoxe foi Aznar en Oviedo, facéndolle a figa ex-presidencial aos estudantes rojeras que o apupaban na universidade, lembrándolle a súa participación na foto das Azores e as súas mentiras nos atentados do 11-M. Hai poucos días fora a lideresa Esperanza Aguirre, calificando de hijoputa ao seu compañeiro Gallardón. E tamén o pontevedrés Telmo Martín, quizais nervioso polos datos das enquisas, lembraba recentemente ao presidente Feijoo que "los medios, ya sabes, son todos unos hijos de puta".

En realidade nada disto debería sorprendernos. Para alén de casos contados como Herrero de Miñón, o humus cultural da dereita española foi alimentado co esterco do franquismo, unha conxunción inmellorada de represión política, hipocresía moral e imposición cultural e relixiosa. Pénsese nas diferencias -ainda hoxe- entre a dereita española e a francesa ou inglesa -medradas ambas na tradición de defensa da democracia e combate ao fascismo- ou mesmo na catalana ou vasca - democráticas e democristianas cando o PP aínda se negaba a condenar a Ditadura-. A española, en troca, é unha dereita de gomina, Casino e gato al agua; de episcopal insulto mañanero e vociferante arrouto argumentativo en barra de bar; de caciques, caciquiños e cacicóns; de pijerío acomplexado que despreza canto ignora -e ignora moito-; de avemarías sabatinas, buenos días padre e aborto de la niña en Londres. Non toda, non todos, obviamente. Mais si a espiña dorsal da súa forma de actuar, da súa cultura social, da súa forma de ver e de verse na nosa sociedade, difundida a diario desde os seus moitos e moi variados altofalantes mediáticos -a caverna, lle chamara en afortunada expresión Arzallus no seu día-. Coa lembranza aínda presente da segunda lexislatura aznariana (nas políticas, nas formas, no uso propagandístico dos medios) dá medo, realmente, pensar na posibilidade dunha volta desta dereita agresiva, neoliberal, prepotente, insultona e maleducada, ao poder tamén no Estado. Os nacionalistas galegos traballaremos para impedilo.

8 comentários:

  1. Manda huevos que vaia eu dicir algo a favor de Azanarín, pero, home, os da universidade fixeron algo máis que apupar. Tal como o contas, parece que Aznar foi alí a provocalos.

    ResponderExcluir
  2. Non dixen tal, tovarich. Non creo que do que escribín se poida concluír que Aznar foi a provocar, nin moito menos. El foi alí e unha panda de rapaces chamáronlle de todo. Xa sei que non é agradábel que che chamen asasino e esas cousas, mais eu nas noticias vin que só houbo apupos, non houbo violencia física. A verbal tamén é dura de aguantar, desde logo. Zapatero ten que aguantar que lle chamen asasino e outras polo estilo no desfile das Forzas Armadas ou nas manifestacións do aborto, e a Aznar tócalle facelo noutros ambientes. Non me parece ben ningunha das dúas, claro, pero a diferencia é que ZP non responde con cortes de mangas e Aznar si.

    ResponderExcluir
  3. Vale, pero non apuparon: insultaron e boicotearon una charla. El respondeu mal, é evidente, pero houbo unha provocación previa

    ResponderExcluir
  4. E desfruta da fin de semana. Tiña que poñer 'goza', pero soa tan sucio e cochino...

    ResponderExcluir
  5. jajaja... é certo, si, a min pásame tamén. moitas veces escribo "desfruta" aínda que sexa incorrecto, porque goza ten un grao de intensidade máis, non?

    ResponderExcluir
  6. Yo tengo un gozo en el alma. GRAN-DE. (chorus: grande). Gozo en el alma... Soa a canción das monxas. Pero bueno, xa que estamos, non estaría mal gozar da fin de semana

    ResponderExcluir
  7. Hoxe viña isto no Público, sobre a conversión de Aznar nunha caricatura de si mesmo e como ven estas cousas a dereita e a esquerda.

    ResponderExcluir
  8. http://www.publico.es/espana/296369/aznar/parece/caricatura

    ResponderExcluir

Comentarios