Olladas de Muller




Hai poucos días tiven ocasión de asistir na Mariña a un acto cultural, a presentación da exposición fotográfica Olladas de Muller, seguramente un dos eventos máis interesantes e emotivos, a un tempo, de todos aos que puiden asistir nos últimos meses. Para min foino, con certeza, porque vendo as Olladas de Muller foime posíbel palpar, sentir e ollar de fronte a valiosa contribución da cultura en relación ás persoas, moi lonxe dos fogos de artificio e dos discursos baleiros aos que tan afeitos estamos neste campo profesional. Olladas de Muller non dá gato por lebre: é un proxecto formativo en fotografía dixital orientado a mulleres, que procura animar ás inscritas nos diferentes obradoiros a explorar as súas capacidades creativas a través desta disciplina artística. Após a celebración do obradoiro realízase unha exposición colectiva co resultado do traballo, e edítase e distribúese un catálogo que dá fe de todo o proceso. A cultura recobra aquí o seu sentido primixenio: énchese de vida, de emoción, amplía e afecta ás capacidade creativas -no persoal e no colectivo- das persoas, achega autoestima, coñecemento, orgullo. Chegaba con ver, nesta coma nas ocasións anteriores, a ledicia e a íntima fachenda que trasmitían as participantes ao presentar os seus traballos ao conxunto -ben numeroso, por certo- de asistentes ás diferentes inauguracións.

Comento o anterior porque moitas veces ficamos, quen máis quen menos, aínda presos dese esquema caduco e esterilmente confrontado entre o que se deu en chamar -simplificándoo para nos entender- políticas de democratización cultural -basicamente, máis facilidades para o acceso e o consumo de bens e produtos culturais - e políticas de democracia cultural - proxectos de natureza sociocultural, que pretenden facer ao cidadá protagonista e non só receptor pasivo de iniciativas que lle veñen dadas-. Somos da opinión de que tal confronto carece de sentido na actualidade, cando a cultura se manifesta en diferentes dimensións (económica, social, patrimonial) e en todas elas a acción pública segue a ser ineludíbel e absolutamente necesaria, pensada de xeito integral e planificado e desenvolvida co criterio e coa especifidade precisas para cada un dos diferentes ámbitos de actuación. Temos falado disto nalgunha outra ocasión, mais non é hoxe o asunto central que nos ocupa, e si o programa Olladas de Muller, magnífico exemplo do segundo, un proxecto que fai cultura desde o público da única forma que se pode facer hoxe en día: traballando e apostando polos valores e as ideas. Neste caso, poñendo a creación artística en relación coa igualdade e co benestar.

Sería inxusto, por último, non citar aquí a quen fixeron posíbel a través do seu bo labor e do seu activismo diario este e outros proxectos e iniciativas semellantes: o Observatorio da Mariña pola Igualdade -a piques de cumprir xa dous anos de andaina- e mais o CIM de Ribadeo, dirixido e dinamizado pola avogada Luísa González. Parabéns de verdade, a todas elas, polo seu traballo na nosa comarca.


Nota: a foto superior, de título Rego e nubes, é de Loli García Docobo, e é unha das que conforman a exposición citada.

Um comentário:

Comentarios