Panem et circenses. O día despois.

Comecemos polos tópicos: o Real Madrid é unha unha grande equipa, que xoga por momentos magnificamente ao fútbol e que conta con xogadores de altísimo nivel, capaces de resolveren por si propios un partido. Ten o problema de padecer por voceiros mediáticos a auténticos ultrasur do xornalismo -si, xa sei que no caso do Barcelona é semellante, mais non me van convencer de que Sport e MD se poden igualar ao Marca-, cun estilo e discurso que en xeral produce máis odios que amores nos seguidores do resto de clubs. A idiosincrasia merengue é moi particular e moi recoñecíbel, xera por igual rexeitamentos e envexas e fai tamén que días coma o de onte muden en festa para o nutrido grupo dos anti-madridistas sentimentais, que por certo non son poucos.

O caso é que onte o Madrí caeu, na súa propia casa, con Florentino Pérez e Esperanza Aguirre no palco, contra os ordenados e traballadores xogadores franceses do Olympique de Lyon. Perdeu, na miña opinión, merecidamente (foi peor no partido de ida e só mellor na primeira parte do de volta), mais tamén é certo que puido ter gañado sen dificultade de aproveitar as ocasións fallidas. Mais xa se sabe que futbol es futbol e non serve laiarse. O Madrí galáctico versión 2.0 quedou novamente fóra da Champions, unha Champions que -como naquel centenariazo que lle debuxara o Deportivo en toda a cara- semellaba reservada para maior gloria do estilo "reventamos o mercado con diñeiro" do seu presidente, apoiado sen fisuras polo xornalismo da capital. O golpe é enorme por iso, mais tamén enorme é a capacidade desta equipa para sobrepoñerse: é moi posíbel que acabe tirando de orgullo e gañando o campionato de Liga -fíxoo con Capello e Schuster, sen xogar a nada-. Con todo, despois do fracaso da Copa e especialmente do da Champions non parece moi posíbel ocultar ou disfrazar o desencanto, que vai alén do deportivo e ten consecuencias non banais no economico e mediático.

Confeso que como culé non sentín a máis mínima compaixón, as cousas como son. Moitos soñamos onte co Barça dos seis títulos revalidando a Liga de Campións no Bernabeu. Xa se verá se é posíbel. Coma min, varias dúcidas de resentidos adrede, que hoxe reenviaron mails con diversas fotos e lendas, gozando do momento. Perdoen a descontextualización, o vantaxismo e a mala baba. Mais xa saben: isto é futbol. Espectáculo, presente continuo, consumo rápido, pan e circo. Iso si, que aguante o Celta.





4 comentários:

Comentarios