Aquí andamos

Ola!

Cavanardá, como sabedes, detívose como blogue hai xa varios meses, coa idea de descansar, tomar folgos e activármonos máis, en todos os frentes que é preciso. Ao cabo deste tempo, e de maneira imprevista, o tipo de contidos que o nutrían acabaron por ter continuidade a través das colaboracións que van aparecendo noutros medios. Por se a alguén lle interesar, ando polo Terra e Tempo e polo Xornal de Galicia tratando aspectos das políticas culturais e n´A Nosa Terra con textos, reseñas e referencias máis persoais. Chuchos e benzón.

Fómonos!

The last goodbye

Até aquí chegamos. Chuchos. Beizón a todas e todos os que pasastes por esta ribeira, ao vento norte de Cavanardá. Nela quedou o voso alento, a palabra e a emoción, as músicas posíbeis, e nada diso se perde. Co perfume dos séculos pousado na lingua, cantamos óro sé beatha baile, lemos Irmaus en voz alta e partillamos o alimento para os días que virán. As mans na terra e a mirada limpa. Saravá!


17-26



Levo días pensando agasallos para nove anos. Sinto superada a brétema confusa da nostalxia do que fun e podo vivir, novamente, o presente sendo eu. Tiven medo de ser revólver, cabeleira prisión de estrelas vermellas, xerfa, remol cara un pasado poderoso inzado de amores, lúas e desafectos. Velaquí, porén, que a esperanza morre para darnos a paz e renace, morta a dor que alimentaba, sorpresiva en agasallo que nos penetra a lingua e pon nela as tres letras do teu nome capicúa. Era San Roque e tremeu a terra nos teus ollos, cando nas gándaras molladas da beira norte medraba o verán até estoupar en rebeldía. Sempre é inocente, mais impura, a rebeldía. Houbo testemuñas e o ceu encarnábase de rosas, con mojitos e poemas e sal mariña nos sorrisos da túa pel. Hoxe mírate e rompe nunha festa de area, longa, onde comban as tardes nas beiras de Cavanardá. E ha de haber casa e acougo e vidas novas. O triunfo, compañeira, é unha falacia. Camiñar, crear, sermos xuntos, é o único importante. Colle esta flor e respira este abrazo -revive o que queiras / que eu monto a garda- no primeiro bico do mar de Porcillán.

Importa

Ampliar e recoñecer dereitos, combater desigualdades, traballar contra as discriminacións desde o ámbito público custa diñeiro. Ten un custe, si. En época de crise e sen ela. E merece a pena pagalo. Sería conveniente, de feito, referírmonos a tales custes non como a gastos senón como a investimentos. En dignidade, en xustiza, en benestar, en igualdade, en calidade de vida. Para todos e todas. Queremos iso ou non? Queremos que desde o Estado se interveña para mellorar a sociedade no seu conxunto ou somos partidarios do darwinismo social que nos oferta o capitalismo salvaxe e sen regras?

Todas as políticas contra a dominación, contra a desigualdade, precisan de impulso social e de medidas legais desde as institucións para facérense efectivas e eficaces. Con orzamentos, con tempos, con executantes. A desigualdade de xénero, de raza, de cultura e/ou lingua, de relixión, de condición sexual... corríxense investindo diñeiro e esforzos. Todas elas son frecuentemente confrontadas pola dereita co argumento da austeridade na xestión do diñeiro público. Estes nunca son temas importantes, sempre existen outras prioridades. Os que tal afirman non discuten, porén, o resgate con diñeiro público á banca ou as subvencións multimillonarias a determinados sectores industriais. O argumento é obviamente disfraz vergozante dos verdadeiros porqués da súa negativa, de raigame claramente ideóloxica, clasista, defensora do statu quo. O mesmo acontece coa memoria histórica, co exercicio dos dereitos colectivos no plano simbólico (a selección galega de fútbol era gasto, a española normalidade) ou co traballo de sensibilización sobre temáticas diversas (informar sobre sexualidade, previr a violencia de xénero, educar no respecto, uso das linguas co-oficiais no Senado).

O Deus Diñeiro manda e a sociedade obedece. A utilización do argumento económico e a categorización do que é socialmente relevante desde esta perspectiva revela a interiorización pasiva e acrítica do peor das sociadades de consumo nas que vivimos, que foron minando o sentido colectivo e substituíndo os valores que sustentaron o progreso humano da Ilustración en diante polo reinado absoluto do Capital. Mais nós...

Nós deberiamos defender un modelo de sociedade repolitizado, consciente e comprensíbel, onde o discurso volva a centrarse nos valores sobre os que queremos construír o presente e o futuro. Unha sociedade que aplaude o beneficio sobre calquera cousa, que premia a picaresca e non valora o esforzo, que normaliza o caciquismo e desperdicia o talento, que se volve cínica e retranqueira porque non é capaz de ser sincera e firme, que ri as ocurrencias cometidas con diñeiro público e considera aburrida a responsabilidade para cos demais, que esqueceu o nós e glorificou o eu, que non é capaz de imaxinarse a si mesma a medio prazo e só sabe regatear en curto... unha sociedade así é unha sociedade enferma. A nosa, sen ir máis lonxe.

Mais é evidente que nin aquí somos máis burros nin aló son máis listos. Non é xenética, senón sociedade: política. A cultura social dalí é diferente á de aquí, para mal noso. Mais non hai determinismos nin futuros escritos. Colectivamente, somos o que queremos ser. Agora, máis que unha nación, somos unha ración. De polbo Paul, para turistas. Perdóenme que cuspa aquí todas as derrotas.

“Galiza, ámote con raiba, con indignación” , escribiu nun poema María Xosé Queizán. Eu son nacionalista por iso mesmo. Non porque considere que os galegos somos mellores ou peores que ninguén (mellores é evidente que non o somos) senón unicamente porque me gustaría vivir nun país mellor para todos, no que a xente tivese máis oportunidades, no que non houbese discriminación contra os que falan o que eu falo, no que puidésemos sentirnos unidos non por unha bandeira senón pola conciencia e o orgullo de convivir civilizadamente dunha forma máis humana, máis digna, con máis benestar e calidade de vida. Quero e soño un país que ao miralo non doa tanto nos ollos nin no corazón. É importante traballar, colectivamente, para conseguilo.


Notas a rodapé



Nestes 18 meses de Cavanardá fomos medrando, aprendendo cousas, desaprendendo outras, confirmando sospeitas, descubrindo novos motivos de entusiasmo, renegando do cinismo, apostando pola palabra sen disfrace. Falando destas e outras cousas, tomando unhas cañas no Ribadeo de comezos de agosto, fixemos entre varios amigos esta lista de 18 puntos. Velaquí queda, a xeito de manifesto.Pódese discutir ampliación.

1.Determinadas fotos de Sinéad O Connor, Elis Regina ou Jane Birkin confirman que, en efecto, as mulleres máis guapas son aquelas que aínda se volven máis atractivas ao cortaren o pelo a lo garçon.

2.Deus probabelmente non exista. Despois de acalorada discusión concluímos: se existir, leva o 10 nas costas e xoga no Barcelona.

3.A felicidade como tal tampouco existe. Unha versión plausíbel podería ser –admítense variacións-: mañá de sábado, verán, terraza cun zume de laranxa, tranquilidade, Ribadeo.

4.O marxismo é cada día máis necesario, actual e moderno. Fáinos máis falla ca nunca, ou tanta coma sempre. O de Groucho e o de Karl, os dous.

5. Somos (óense carraspeiras na sala, alguén sae facendo espaventos, o coro de demócratas oficiais esixe libertaz, libertaz) nacionalistas e somos comunistas. Rojos, si. Collemos prestadas palabras de Bourdieu para afirmar: non gostamos dos que renden culto ás transgresións baleiras, que reducen a libertinaxe á súa dimensión erótica e fan do cinismo unha das belas artes. Lonxe de nós o todo vale posmoderno, o xogar á vez en todos os taboleiros e non apostar nada en ningún, o desprezo ás utopías, o silencio medido fronte o capital, o individualismo elitista, a comenencia.

6.Ter ideas e defendelas, con convicción e sen dobrez, ten mala prensa. Pon en garda aos cínicos e aos oportunistas. O pesimismo desmobilizador, o escepticismo paralisante, dan prestixio intelectual. Mais nós non queremos o seu prestixio, nin o seu recoñecemento. Queremos avanzar, de xeito prosaico, contraditorio, conflitivo, manchando as mans na realidade, actuando a partir dela, conseguindo vitorias nada desprezábeis.

7.Para comer, Lugo.

8.En Barreiros, ó teu aire. (E mellor canto máis perto de Cavanardá)

9.Resulta obvio a estas alturas, mais dicímolo de igual modo. Para informarse é mellor non ler a prensa, non escoitar a radio, non ver a televisión. Ou cando menos non esa prensa, esa radio, esa televisión, oscilante entre o social liberalismo (Público, La Sexta), a dereita liberal (El País, Ser, Cuatro), a dereita máis reaccionaria (ABC, La Razón, El Mundo) e o nacionalcatolicismo fascistoide (Cope, Intereconomía, La Gaceta). No caso galego imos resumir nun todos iguais, progubernamentais, con alicerce na dependencia das axudas públicas.

10.Os medios non reflicten a realidade. Peor: moitas veces tentan creala conforme os intereses dos donos aos que serven. Afortunadamente, a Rede permite hoxe procurar vías de información alternativas, a través de blogues, plataformas e portais diversos. Con todo, hai tantos lugares por coñecer, tantos afectos por compartir, tantas boas películas para ver, tantos libros aos que meterlles o dente...

11.Está a Estrella Galicia e despois o resto de cervexas. O que vimos de dicir non é discutíbel e admite poucos matices.

12.Gústanos Emilio José. Moito. A ironía, a rabia, a mala hostia, a dor, a ferida, o amor, as músicas, as letras. Patriota galego.

13.Xornalismo deportivo é unha contradictio in terminis. Ambos significantes deixaron hai tempo de ter significado ao iren xuntos. Existen, si, vociferantes demagogos cuspevelenos (De la Morena), aspirantes a humoristas de motel de autopista (Roncero, Guasch, Siro López), seres variopintos doutras galaxias (F.Hermel, Loco Gatti ), chulapos mesetarios coa graza no ollo do cu (Manolo Lama, Poli Rincón), órganos de expresión de Ultrasur (Marca, As) e Boixos Nois (Mundo Deportivo, Sport) e programas salsarrosas estupidizantes de diversa ralea e manufactura. Mais non, lamentándoo moito, xornalismo deportivo. Punto pelota.

14.Non todos os camiños son igual de defendíbeis e de fermosos para lograr unha vitoria. Pódese chegar ao cumio voando como as águias ou reptando coma os vermes. Os dous valen, e o caso dos vermes ten mérito engadido, que recoñecemos. Mais non gostamos das águias que teiman en enlamarse tendo capacidade para erguer o voo. Gústanos, por iso, o Barcelona de Cruyff, Van Gaal, Rijkaard e Guardiola e o Celta de Irureta e Victor Fernández. Gústanos o fútbol, en definitiva.

15.Existe o pop e existe Inglaterra. Despois existen sucedáneos, máis ou menos logrados.

16.Hai esquerda e hai dereita. A primeira defende os principios da Ilustración, a segunda manter os privilexios das clases dominantes. A historia,obviamente, non rematou.

17.Palestina vencerá!

18.Nós, o que é ser, somos galeg@s.

Morrissey



Entrevista de Xavier Valiño, na Ultrasónica