A nación galega existe


Veño de ler o ameno e interesante artigo de Xosé M. Pereiro en El País, no que baixo o título ¿De que va Feijoo? formula algunhas preguntas moi relevantes para situármonos diante dos catro vindeiros anos de política popular na Xunta. Dirán, coma sempre, moito máis os feitos que as palabras, e será aos feitos aos que cumprirá xulgar, pero desde logo as primeiras palabras do novo goberno galego non deixan moito lugar á esperanza. Non se lles pide que sexan nacionalistas, nen tan sequer galeguistas, pero a idea que subxace por baixo das declaracións destes días dos titulares de Servizos Sociais (prodúcelle alerxia a bandeira galega soa nun despacho) , Educación (vai derrogar o decreto do galego no ensino) e Cultura (a cultura galega "limita") non é máis que a dunha visión acomplexada, colonizada e reaccionaria do propio país. O novo PP de Feijoo semella comprender Galiza como un simple territorio que administrar e non como unha realidade política, histórica, cultural e socio-económica diferenciada e con identidade propia. A diferenza, non nos enganemos, é abismal entre unha e outra concepción. Mesmamente, os conselleiros e conselleiras populares deberían saber que a súa actual condición é posíbel xustamente pola existencia dese suxeito colectivo de dereitos que é o pobo galego, a sociedade galega, Galicia, Galiza ou como se lle prefira chamar. Foi a identidade, a lingua e o nacionalismo de antes do 36 -coa súa loita e consecución do Estatuto de Autonomía- os que obrigaron e provocaron a necesidade do recoñecemento no 78 das chamadas "nacionalidades históricas", rebaixadas despois pola vía formal do café para todos.

Está Feijoo no seu dereito de levar adiante as súas políticas en función das súas promesas electorais, que lle deron a vitoria, mais non debería confundir un resultado eleitoral democrático -por certo, con menos voto real que as forzas do bipartito- cun cheque en branco para gobernar unicamente para os seus. Se quere realmente ser o presidente do conxunto dos galegos e galegas terá que actuar en consecuencia, recoñecendo o perfil propio do país e a obriga de defender e atender as súas señas de identidade como principal valor colectivo do que nos orgullecermos. Galiza non son catro provincias trazadas artificiosamente nun mapa por Javier de Burgos, nin a reserva forestal da España verde, nin tampouco o lugar de veraneo de certas élites madrileñas. Ou Feijoo entende Galiza como o seu país, como o seu centro, como a súa obriga, ou estará desertando do seu papel institucional e actuando coma un simple virrei do noroeste peninsular (en terminoloxía de épocas escuras e recentes). Se opta por esta segunda posibilidade -a de administrador no canto de presidente- que deixe, en consecuencia, de facer apropiacións indebidas de figuras -controversas, si, pero galeguistas- como Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Vicente Risco ou Alfredo Brañas. Que se aclare el, nolo aclare a nós e llo aclare tamén ao seu goberno incapaz de se expresar con corrección na lingua propia do país, que llo explique aos cosmopolitas paletos incapaces de entender que só desde o local se pode ser universal, que llo remarque aos seus siareiros máis estremistas desexosos de levar adiante unha involución na cuestión identitaria. Darálles picor e alerxia, escoceralles e terán que rascarse. Queiran ou non, a nación, a lingua e a cultura galegas existen.

Nota: A nación galega existe é o nome do interesante e recomendábel libro de conversas con Francisco Rodríguez, que Xosé Mexuto fixo en 2007 e que foi publicado por A Nosa Terra.

5 comentários:

  1. A nazón galega existe, ¡naturalmente!, quen dubida desa realidade é culturalmente ignorante ou ben está a adoitar unha posición política. E conste que eu non son políticamente nacionalista.
    Hai realidades que non necesitan interpretación política. A liña de costa da Galicia, por exemplo, e propiedade do mar, ninguén pode discuti-la. E o carácter nacional (como país) de Galicia só se pode negar precindindo da realidade.
    O Estado é outra cousa, que moitas veces é allea á historia, á xeografía, á economía, á cultura e mesmo á sociedade civil, entre outras cousas.
    E insisto, non son políticamente nacionalista.
    Félix.

    ResponderExcluir
  2. Concordo plenamente contigo, Félix. Eu son galego de nación e español de Estado. Chega con buscar ambas as dúas palabras nun diccionario para entender a diferencia entre unha e outra. O de menos é se somos ou non PARTIDARIAMENTE nacionalistas, ou mesmo POLITICAMENTE nacionalistas. O que importa é partir dese recoñecemento para, en función do mesmo, actuar en consecuencia a través dos dereitos e deberes que desa realidade se derivan. Canto me gustaría que houbese aquí moitos non nacionalistas e moitos non galegofalantes que entendesen o que ti acabas de explicar tan ben! (Como o PSC catalán, por exemplo)

    ResponderExcluir
  3. No comentario anterior, obviamente, referíame a que sería un avance social inmenso que persoas non nacionalistas e non galegofalantes compartisen que Galiza é unha nación cunha cultura e lingua propia e con dereitos de seu que se derivan desa realidade. Se iso se conseguise a cultura política do país sería moito máis semellante á catalana, por exemplo, o cal sen ser ningún modelo si sería desexábel -no nivel de autoconsciencia que alí demostran forzas como PSC, IC ou EU- no que atinxe á cuestión cultural e identitaria galega. Polo demais, cantos máis nacionalistas galegos haxa en Galiza e milintanto no BNG, mellor. :)
    Xavier

    ResponderExcluir
  4. Xavier,
    É unha das diferenzas entre Catalunya (onde medrei e vivín ata os 33, aínda que son lugoslavo) e Galicia.
    Alí a comprensión de que Catalunya é unha nazón é case que aceitada por todas as forzas políticas en presenza (mesmo no PP hai militantes que defenden a súa catalkanidade e a língua autóctona do país) e tamén é un valor social moi extendido.
    (NOTA: Os "lugoslavos" son os nacidos en Lugo que pouco despois despois do nascemento foron "expatriados" e vivieron a infancia e a xuventude fora do país).

    ResponderExcluir
  5. Si, concordo contigo, Félix. Sempre pensei que un dos principais problemas que tiñamos como país era a falta de autoestima traducida en conciencia política de sermos nación, mesmo á marxe da tradución partidaria que iso puidese ter. Mais ti e máis eu sabemos que o piñeirismo fracasou, e seguramente nunca acreditasemos nel. Chega con ver como se dan os debates a este respecto en Cataluña e como se dan aquí, nos respectivos Parlamentos. Lembro os rebuznos parlamentarios de Xaime Pita -aquel portavoz gubernamental da última época Fraga- ao respecto.

    ResponderExcluir

Comentarios