Absolute beginners

Hai días, coma este, nos que o corpo non está nin poético nin retórico. Saio á luz para deitarme no lombo da mañá, e penso no Vista Alegre do 2000, ou 2001. Formoso e máis eu polo Atlántico piscina, de cafés e conversas polo Patio, con horóscopos diarios e horizonte para encher. Desde Santiago, Ribadeo e Abelleira, falabamos de oasis, corvos negros, invasións da realidade. Por algún quilómetro perdido, na Terra Cha ou na Barbanza, soían quedar daquela Bob Dylan e Carlos Mella, para botar a partida, falar do tempo e probar o polbo e as balocas. Vímolos unha vez rindo na praia dos Alemáns, sentados aos pés do castro de Baroña. Nós chegamos tarde á cita e non nos fixeron moito caso. Sedentos de experiencias, corriamos coa Creedence polo medio da xungla, na procura de estandartes e fulgor. E así topamos unha noite con Valente, tomando unha copa de whisky no Norfolk. Conxugando criterio e contundencia, achegouse e espetounos sindicalista: ben se ve que non chegaredes nunca a nada. Menos escribir caralladas prás nenas e máis ler a Pavese e Lois Pereiro.

2 comentários:

  1. Más Curzio Malaparte y menos Pavese.
    Que luego la gente ensucia las habitaciones de los hoteles cuando la muerte viene a visitarlos y tiene sus ojos

    ResponderExcluir
  2. Moi melancólico te noto, Xavier. Que a década dos 30 non está tan mal, home...

    ResponderExcluir

Comentarios