Facer visíbel o real


Hoxe segue sendo imprescindíbel reafirmarse nunha resistencia intelixente e eficaz contra a falsificación do real, contra a manipulación das conciencias e da linguaxe, contra a máquina da hexemonía no sentido que a entendeu Gramsci.

As palabras de Arturo Casas nun dos seus posts resumen á perfección o sentimento e a preocupación que moitas e moitos de nós compartimos diante do secuestro da realidade que os brazos mediáticos do españolismo máis recalcitrante veñen practicando con importante éxito. Secuestrar e distorsionar a realidade a través da linguaxe é xustamente o que conseguiron os medios da dereita, coa connivencia silenciosa dalgúns que pasan por progresistas, na cuestión da lingua galega: mentres se reduce cada vez máis o seu uso conseguen que boa parte da poboación urbana interiorice a existencia dunha estratexia de imposición contra o castelán. Secuestrar e distorsionar a realidade foi tamén, en boa medida, o que conseguiu facer para o PP o xornal conservador coruñés con innegábel éxito (axudado, é certo, polas torpezas do bipartito), a través dunha campaña sucia e manipuladora como non se recordaba outra no noso país.

A febleza e a desvertebración da sociedade galega maniféstase aquí como un factor especialmente relevante á hora de analizar os comos e os porqués do relativo éxito destes discursos en Galiza. Teño para min que a construción dunha nova estratexia para a lingua galega (e mesmo para o propio nacionalismo) pasa pola súa vinculación clara e ben comunicada ao campo do social, ao conxunto das loitas para máis avances democráticos e progresistas, á súa identificación cos valores que a dereita e o españolismo lingüístico nos conseguiron roubar a través do seu operativo mediático para disfraz eleitoral: a liberdade, o benestar e a convivencia, por exemplo. Como noutros momentos, cómpre facer do coñecemento e dereito ao uso pleno da nosa lingua e da valorización da nosa identidade un valor colectivo de progreso, cohesión social e prestixio, sen o respeito -real e efectivo- aos cais non é posíbel unha verdadeira democracia de calidade en Galiza. Cómprenos como país máis sociedade organizada -autoorganizada- e tamén máis voces lúcidas e valentes que axuden a desvendar os mecanismos do consenso obrigatorio, da democracia ben entendida, da ideoloxía invisíbel, da información convertida en propaganda. Semella paradoxal mais non o é: nunca foi tan necesario facer visíbel o real.

2 comentários:

Comentarios