En gallego? Y qué es, folk?





No 2002 un grupo de rapaces de Ourense publicaron un disco que sorprendeu a toda a escena estatal polo diferente, fresco e imposíbel de etiquetar que resultaba. Construído con delicados xogos de electrónica e pop e arroupado cunhas letras que conxugaban melancolía adolescente e inocencia amateur, Todo sigue intacto, o disco de Ápeiron ao que nos referimos, continúa a ser hoxe unha pequena alfaia que non tivo continuación. Un dos compoñente do grupo vén agora de sacar, sete anos despois, o seu primeiro traballo en solitario, na mesma discográfica que daquela, a barcelonesa Foehn Records. Chámase Emilio José e o seu disco Chorando apréndese. Así, en galego. Igual que Xabel Vegas ou Mus o fan en asturiano, Ruper Ordorika ou Jabier Muguruza en vasco e Antónia Font, Albert Pla ou Manel en catalán. Aínda é cedo para coñecer a acollida que terá por parte da prensa especializada de Madrid e Barcelona, que ao final é a que dicta en boa medida o que funciona ou non na música independente do Estado, mais todo indica que a súa arriscadísima proposta musical non vai deixar indiferentes aos habituais degustadores da Rockdelux e outras publicacións similares.
Interésame agora, porén, deixar a un lado o aspecto puramente musical e determe nunhas declaracións que o propio músico facía a semana pasada para El País, e que podedes ler aquí. A marxinación á que está sendo sometida a creación musical periférica (por dicilo dalgún modo, e entendendo o centro como as cidades de Madrid e Barcelona) xa foi obxecto de comentario neste mesmo blog, mais as palabras de Emilio José veñen en boa medida a corroborar a falta de normalidade e o abafante peso dos tópicos que aínda hoxe padecen no Estado todas aquelas creacións realizadas nunha lingua peninsular diferente á castelá. O caso galego, con todo, resulta especialmente sangrante, seguramente porque a falta de atención por parte dos medios españois tampouco está sendo recompensada por unha atención e unhas dinámicas de promoción e apoio suficientemente fortes dentro da propia Galiza. (Ultimamente, ademais, a cousa pinta a peor, co PP obsesionado na depuración de todo o que cheire a cultura galega e coa desaparación dun programa clave, como era o Aberto por Reformas).
Resulta triste e lamentábel que isto aínda aconteza, tanto por un como por outro lado. Pola parte da prensa especializada, o descoñecemento manifesto dunha escena musical como a nosa, que vive un momento de especial efervescencia creativa, é unha grave miopía musical e indica unha importante carga de prexuízos. Por poñer un exemplo, hoxe en día resultaría moi sinxelo elaborar un estupendo compilatorio promocional para dar a coñecer grupos e artistas que están facendo algunhas das propostas máis interesantes do Estado. Poño, e vou escribindo de memoria, uns cantos: Ataque Escampe, Fanny & Alexander, Emilio José, 2us, U-lo Trío, Vale Tudo, Escoitar Danza, Orquestra Omega, Ecléctica Ensemble, Marful, Sevigny, Zora Gabbara, Narf, Animales Domésticos, Mequetrefe, Telephones Rouges, Noise Project, Franc3s, The Homens, Novedades Carminha, Projecto Trepia. Porén, poucos destes grupos teñen verdadeira acollida nas revistas musicais especializadas, e xa non digamos nos medios públicos estatais (RNE, TVE, La 2). No caso de cantaren en galego, peor aínda. Como é sabido, os galegofalantes seguimos sendo cidadáns de segunda nesta España acomplexada que se nega a recoñecer a obviedade da súa natureza plurilíngüe, pluricultural e plurinacional. As referencias informativas nas televisións ou radios españolas a grupos que se expresen creativamente en galego, catalán ou euskera son anedóticas, mínimas e sempre realizadas desde unha perspectiva de "cota" cuberta, como acontecía no seu día no ámbito literario con Manuel Rivas, Bernardo Atxaga e Quim Monzó (hoxe, nin iso; en moitos libros de texto xa aparecen directamente como autores da literatura española). Resumíao pola vía rápida o ex-Ápeiron na devandita entrevista: Se Ataque Escampe fosen de Barcelona... Ou se Joe Crepúsculo fose de Salvaterra, quedábase aí toda a vida.
Mais se triste é o de fóra, moito peor o dentro. Despois duns anos nos que se sentaron as bases para unha consolidación das estruturas creativas e profesionais da música galega, hoxe o panorama é incerto e semella falto de proxectos e de ideas (seguramente tamén de interese real). De 2005 a 2009 creáronse axudas institucionais ben orientadas -promoción de discos, axudas para concertos fóra de Galiza, ...- , vertebrouse o sector -as asociacións AGEM e AGAPHONO-, naceron novas programacións -Rede Galega de Música ao Vivo, Circuíto 4 x 4, Espazos Sonoros-, púxose énfase na necesidade de internacionalización - Galician Tunes-, apostouse polos grupos que empezan -Rede Galega de Locais de NSAIO- e pola difusión da creatividade existente -Aberto por Reformas, Banda Curta, os programas da Radio Galega, a revista Ao Vivo, ...-. Houbo tamén erros, como é normal, mais o salto cualitativo experimentado penso que é de xustiza que sexa recoñecido. E xustamente por iso non podemos permitirnos dar pasos atrás, e non é asumíbel esta nova política de acoso á cultura e á lingua galega que o PP está instaurando desde a súa chegada ao goberno da Xunta.
É momento de ser, neste campo igual que nos demais, cidadáns esixentes e críticos. Haberá que facer chegar aos Parlamentos (español e galego) queixas e iniciativas para que os medios públicos cumpran coas súas obrigas legais, mais tamén haberá que facer saber aos responsábeis políticos de turno que a música é cultura, que a súa importancia nos planos cultural, simbólico e ecónomico é moi notábel e que en Galiza, xustamente por iso, precisa de atención estratéxica e planificada. E mentres nós, pola nosa banda, podemos colaborar tamén disfrutando, difundindo e dando a coñecer -nos nosos círculos sociais- a creatividade emerxente das músicas feitas en Galiza. Eu déixovos aquí con tres das miñas favoritas: os composteláns Ataque Escampe , os ribadenses Zora Gabbara e o galego-africano-brasileiro Narf.



5 comentários:

  1. O peor é que ata somos periferia de segunda. Eu digo unha vez máis que había que darlle a independencia a Madrid, entón viviriamos nun estado cun burato no medio, coma as moedas de 2 reás ou 25 pesetas -depende dos anos de cada un-, e entón si que seriamos auténtica periferia, arredor dun burato no mapa.

    De verdade, pertencer a un estado con burato motívame moitísimo.

    ResponderExcluir
  2. Eu tamén apoio os de Zora Gabbara.

    Xurxo.
    :) (Xavier entende)

    ResponderExcluir
  3. E os que queren entender o que escoitan? Igual hai xente que non merca discos de grupos vascos porque non sabe o que cantan. Pero pode que si merque discos de grupos estranxeiros porque saiba inglés. Entender as letras é unha opción coma outra calquera.

    ResponderExcluir
  4. Paréceme moi ben. Pero que eu saiba nada dixen eu en contra...

    ResponderExcluir

Comentarios