Identidades




Se me preguntan cal é a miña patria, responderei: Galiza. Son galego e nacionalista, confésoo. Ao carón desta vivencia medran outras, en círculos que se tocan. Os amigos, o deporte, a cultura de masas, ... tamén nos cohesionan e identifican. Gústame sentirme compatriota daqueles que medraron mirando Aqueles marabillosos anos na difícil adolescencia, ou que tiveron as súas primeiras e inocentes veleidades filosóficas arredor das noites de Cicely, Alaska. A escolla podería ir por outro lado, sempre na ribeira sentimental: as tardes de nocilla e Son Gokuh, a lembranza da infancia nos recreos felices, as derrotas de Epi, Jiménez e Solozábal fronte á Jugoplastika de Split.


A identidade é unha cousa complexa, en continua construcción, dinámica, que se move etérea e lenta coma unha néboa mesta, capaz de nos confundir os ollos e incapaz de ser aprehendida pola razón. Sentino en Baroña, sentado enriba dos séculos, mirando o mar, ou nun hostaliño nos cumes de Taramundi, onde temos de certo consciencia do pouco que é un home, o home. A miña patria son os meus: os amigos, os afectos, as persoas amadas. Mais tamén aqueles cos que comparto casa grande: emocióname o puño pecho da dignidade na Quintana dos vivos e o país ergueito do Nunca Máis, e nada me di a rojigualda española. Apoño, contra o Imperio, a face de terra moura da vella Mamasunción, arada polo tempo, a caída dignísima de Allende na Moneda e aquela avoa kurda de pano na cabeza, triplemente asoballada.


A miña patria é matria e quere ser fratria, que cantara Caetano. E non é miña, é nosa. Por iso non renega da historia, da política, da loita de clases. É vermella e flor e utópica e inocente; pero si, mancha as mans para avanzar. Vale a pena. Por iso, sendo así as cousas, cómpre fuxirmos da renuncia ao matiz, da dialéctica maniquea do comigo ou contra min.


Traballando nisto da cultura, por outro lado, debemos ser conscientes de que, da mesma maneira que o ensino homoxeniza e reproduce os valores sociais, a cultura fainos diferentes. Esa diferenza, acredito, é desexábel, positiva, rica para a vida. Hai quen non o entende así, e é belixerante cos que si o facemos. Síntoo. Sinto escandalizar alguén se son sincero. Non me vai importar moito que España gañe ou perda partidos no mundial: nin son nin vou ser leal a la Roja; eu quero selección galega, e en partidos oficiais.


Hanme permitir -políticos da dereita máis recalcitrante, micrófonos de Prisa, altavoces mediáticos da España eterna- que garde a emoción para un bico das miñas avoas, para un café cos amigos contra o frío que envolve as rúas de decembro. Non me interesa a súa bandeira. Os seus símbolos son tan lexítimos e respectables coma calquera outros, sen dúbida, mais hanme desculpar se non os fago propios. Galiza existe para si, mais tamén en si. Só Galiza é a miña patria, a miña nación, estea inserida ou non, no futuro, nalgún outro Estado.


Xa que logo, hannos permitir -políticos da España una, tertulianos a soldo do capital, opinadores exaltados de orella de barra de bar- que escollamos, que decidamos, que poidamos ir construíndo por nós mesmos o que sentimos e o que somos, a nosa identidade, sen ter por iso que ir, nin hoxe nin nunca, contra ninguén. Non é unha petición, compañeiros, é unha esixencia. Estes días navegamos na Frota da Liberdade.


O respecto ao dereito alleo é a paz (Benito Juárez).






10 comentários:

  1. Denis "Sonny" O'Neill3 de junho de 2010 às 13:20

    De acuerdo en casí todo.
    Primero a por el rancio enemigo común.
    Luego,ya habrá tiempo de hacer un "Michael Collins".
    Postadata: Bonita foto de la costa asturiana.

    ResponderExcluir
  2. Da costa galega ou galego-astur, quererá dicir vosté: o que aparece é a Ponte dos Santos, que une Ribadeo e Castropol -vello Reboredo-, terras ambas que teñen a lingua e cultura galega como propias.

    ResponderExcluir
  3. Denis "Sonny" O'Neill4 de junho de 2010 às 08:21

    Gracias por la molestia más insisto en mi postdata que no postadata.A mí sólo me parece bonitata la parte de costa de la siniestra de la fotografía:La asturiana.

    ResponderExcluir
  4. Denis "Sonny" O'Neill4 de junho de 2010 às 09:23

    Perdón otra vez.
    No quería escribir bonitata.
    Además,quería escribir "de la diestra de la fotografía",donde se encuentra Castropol,el lugar donde nací o me nacieron.
    Los remordimientos y el poteen me machacan desde 1922.
    Un saludo.

    ResponderExcluir
  5. O Vadío De Aquilón4 de junho de 2010 às 13:01

    Xa o di o dito " Moito poteen non é doado de potar"
    Home, compañeiro Sonny Corleone, escribe unhas mil veces no encerado : "A esquerda Galiza, a miña dereita Asturias" e desde hoxe non ficaras tan "machacado".

    ResponderExcluir
  6. Imos ver: non quedaramos en que a Ría de Ribadeo non divide o país, que iso é a de Navia? Ou imos dar por perdido o Eo-Navia tan facilmente? Ai, que país este, que nin no seu himno afirma, senón pregunta...

    ResponderExcluir
  7. Amigos e compañeiros/as, deixemos o tema fronteirizo e centrémonos na cuestión do post. O importante é -club Bilderberg á parte- podermos decidir, libre e democraticamente, o que somos e o que queremos ser como sociedade. Oxalá queiramos seguir sendo galeg@s de nación, plenamente, e participar no mundo con normalidade desde esa nosa condición.

    ResponderExcluir
  8. Me ha gustado mucho el texto, aunque no comparto algunas cuestiones que plantea su autor. En todo caso entiendo que el nacionalismo gallego es progresista, lo cual me hace reflexionar sobre la percepción que a veces tenemos desde otros territorios de España sobre esta ideología, asociada topicamente a la derecha.

    ResponderExcluir
  9. Dacordo con Cavanarda unha vez maís.
    O verdadeiramente importante no século XXI é ser patriota por G@liz@.
    First we take Navia, then we take O Bierzo

    ResponderExcluir

Comentarios