Pasamos a fin de semana cos amigos no exitoso tapeo ribadense, tan ben glosado -e fotografado!- no blogue de Manolo Gago, e volvemos a Compostela co estómago encollido e a indignación impotente pola nova da sanguenta acción militar israelita contra a Frota da Liberdade. A raiba mantense hoxe: nin UE nin EE.UU. condenaron con claridade o acontecido e aínda por riba nos chaman imbéciles á cara, pois non outra cousa supón canear o asunto cunha petición a Israel de investigación xusta e imparcial.
A xestión política que o grande capital está facendo da crise, declaracións como as do presidente alemán ou actuacións internacionais tan lamentábeis como a dada ao terrorismo de Estado sionista non fan máis que contribuír ao desapego da xente coa política convencional actual, convertida en mero circo de intereses desconectados do sentir e das necesidades dos pobos e persoas. A cuestión, para min, está en saber se desde o lado dos que non cremos neste modelo capitalista -que pon ás persoas ao servizo dos mercados e que vén de transparentar a absoluta subordinación da política aos intereses dos poderosos- imos ser quen de mudar a decepción, a raiba e o desencanto social en forza de revolta e en enerxía positiva para construír propostas políticas de orientación máis xusta, humana e igualitaria. De non ser así, agárdanos o medre do extremismo de dereitas e o triunfo electoral dos que queren a anorexia para o Estado social.
Raiba e cabreo político, pois. Mais que a música non falte para acompañarnos. Un amigo achégame un magnífico e irado post sobre os festivais musicais e noutra publicación dixital atopo a Emilio José máis ourensanista ca nunca. Para rematar, unha reseña sobre o libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega.
Xa cantaban Os Resentidos nos 80 aquilo de "somos 29 na casa e estamos todos no paro, economía sumerxida..."
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios