Zora Gabbara na TVG

Para os e as ribadenses que gozamos coa música, Héctor e Miguel son novos vellos coñecidos. Novos por idade, e vellos porque a pesar dela levan xa moitos anos, ao igual que outros compañeiros e colegas da vila, vinculados á creación musical desde frontes e posicións diversas. Seguramente foi Beetle Judge o seu máis difundido proxecto, aquel que máis notoriedade lles deu dentro e fóra da nosa comarca, pero eu son dos que pensa que é agora, con certa madurez musical e persoal xa acadada -lei de vida!- cando os froitos musicais que son capaces de producir se antollan máis apetecíbeis e interesantes. Este Songs for jubal pareceumo desde o día en que o propio Cherry mo puxo nas mans. Fiquei mergullado toda a fin de semana nel, deixándome levar coma unha lancha nas augas calmas da ría unha tarde de agosto. Soaba The Honey Waltz e dábanme ganas de facerlla escoitar a todos os amigos que sei a ían desfrutar. Tiña diante a certeza de que si, agora si, era isto por fin. Delicada, fermosa, mais tamén sentidamente escura e con aristas onde sangrar as derrotas cotiás que nos infrinxe a vida. E así o resto de cancións. Seguían sendo Miguelín e máis Héctor, seguía habendo un pouso de café recoñecíbel (Stone Temple Pilots, Jeff Buckley, ...) mais tamén novas texturas e moita intelixencia aplicada na arte de facer cancións capaces de seducir. Foron aparecendo na Regueifa, na Ultrasónica, na Mondosonoro, sacando a cabeza por foros e blogs varios. Estas cousas van lentas e non é fácil: Ribadeo segue quedando a dúas horas de Santiago. Pero tamén ese é o noso sustento emocional, a nosa relixión, a terra que nos dá o alento e nolo quita. Hoxe aparecían en Miraxes, e han facelo tamén en Banda Curta, ese programa musical que tanto custou volver crear e que, con todas as carencias, expectativas frustradas e criterios discutíbeis que se queira, cando menos existe e debería manterse no tempo na televisón pública de Galiza. Que nós o vexamos, e que teñamos ocasión de nela velos a eles moitas veces máis, con discos novos e cancións emocionantes.

3 comentários:

Comentarios