Alerxias e síntomas preocupantes

Ás poucas horas de entrar o novo goberno en San Caetano xa temos declaracións dalgúns dos seus membros que nos fan sentir razonablemente preocupados. En coherencia cunha campaña eleitoral suxa e raposeira, que quedará nos libros de historia do xornalismo e da comunicación política como un fito negativo, a nova conselleira de Servizos Sociais despachábase onte cunhas primeiras declaracións antolóxicas nas que mostrou que a elegancia non é precisamente a súa mellor cualidade. Segundo esta boa muller, mentres estaba no despacho co vicepresidente Quintana para o acto formal de traspaso de poderes notou que algo lle provocaba alerxia, e enseguida se decatou de que o motivo era a bandeira galega presidindo en solitario aquel cuarto. A súa primeira medida, proclamou orgullosa, foi mandar comprar varias enseñas españolas e da Unión Europea. (Á marxe do absolutamente anecdótico do asunto, que titular non tería feito o xornal conservador coruñés se unha declaración así a realizase un conselleiro ou conselleira do BNG?). Pola súa banda, o novo Conselleiro de Educación recoñece hoxe sen reparos a utilidade eleitoral que lle tivo ao seu partido a estratexia de confronto pola normalización do galego, e móstrase partidario de asumir as teses extremistas de Galicia Bilingüe porque, di, "temos moito voto prestado". Se algo non lle podemos negar a este PP, desde logo, é que efectivamente non quere enganar a ninguén e mostra a súa natureza sen complexos: españolista no cultural, conservador no social e neoliberal no económico. Unha moi boa lección para grande parte do bipartito perdedor, que tivo medo a dar a batalla ideolóxica e pensaba que as eleicións se gañarían nos despachos.

Mais, por riba da queixa e da lamentación, comprensíbeis pero estériles, a cuestión que entendo debe preocuparnos agora é como deseñar e desenvolver estratexias novas para os ámbitos da lingua e da identidade, que sexan quen de contrarrestar a ditadura mediática da que neste sentido vai gozar o PP e que, ao mesmo tempo, sinalen con audacia novos camiños para a defensa dos nosos dereitos como galegos e como galegofalantes. Cumprirá denunciar a imposición do español, desde logo. Tamén reclamar a igualdade de dereitos e a plena normalización do galego. Mais sobre todo será preciso seducir neofalantes urbanos e fixar e conscienciar os galegofalantes xa existentes. Unha soa organización social seguramente non poderá actuar eficazmente nas tres direccións.

5 comentários:

  1. É A Mesa seductora? se cadra vai por aí a túa reflexión...

    ResponderExcluir
  2. Si, en parte vai por aí. Valoro moitísimo todo o traballo da Mesa, desde logo, pero penso que en parte cómpre revisar profundamente o noso discurso e as nosas ferramentas. Quero dicir que quizais sexa o momento de pensar en estratexias con varais patas: unha reivindicativa (A Mesa), outra de observación e denuncia -no seu caso- dos dereitos lingüísticos (Observatorio?) e outra de implementación dun novo discurso cara a sociedade, novo, amplo e seductor (quen? como?). As tres patas deberían ter en común, do meu punto de visto, o tratamento da lingua como unha cuestión social e de calidade democrática. Non sei se estamos suficientemente maduros, a nivel colectivo, para valorar esta posibilidade e levala a cabo. As inercias son difíciles de romper e leva tempo...

    ResponderExcluir
  3. GALIZA ÜBER ALLES !

    ResponderExcluir
  4. Concordo moito co que dis, Xavier.

    ResponderExcluir
  5. Ola, Xavi:

    E non te esquezas na promoción da cultura galega no exterior coa lingua como coluna vertebral. Por aí, sendo profetas fóra da terra, podemos gañar adeptos dentro, creo eu.

    Bicos.

    ResponderExcluir

Comentarios