André

Despois de facerse de rogar, ás dúas da tarde de onte naceu André. O sol acariñaba o lombo do país da Guarda a Ribadeo, na Leña, en San Pedro e no Cantón latexaban arumes frescos a vida nova e primavera, en Espasante e en Vigo os teléfonos paseaban na conta atrás cun sorriso sinxelo e anceiante nos beizos. Avisárame Adrián que desta ía e xa o coche virou desde Fontiñas para o Lérez, na procura dunha man pequeniña que se abre e colle coa forza delicada do universo un dedo meu. Estremézome ao tocalo e miro para Paula, para Chami, e para Ana, e penso velaquí o triunfo da vida, o pasado e o futuro nestes choros que musican o cuarto 632 do Hospital Provincial de Pontevedra. É tan grande o momento que as palabras non chegan, que din máis as miradas e os silencios, e só acerto a adiviñar que algún sentido terá isto de estar vivos na corrente da memoria de noso, sabedores de sermos auga no río fértil do tempo que nos explica. Os papás do novo pontevedrés sorrín felices e novatos, coa emoción na punta de cada palabra e cada xesto. Horas despois, por Benito Corbal adiante, decátome da epifanía: André naceu ao lado da Devesa, ou sexa, en Vilaframil, ergo Cavanardá, poisque ao lado xustamente do Hospital está a Devesa chea de doces e confites e riquísimas larpeiradas. Coméntolle ao pai a brincadeira e aínda rimos, e ás poucas horas marcho de Pontevedra. Hoxe, xa en Ribadeo, escribo isto despois de pasear pola area longa de Reinante. Desde aquí vese ben tamén o pouco que é un home. E penso para min, por iso, a importancia dunha vida chea de sentido. Do agarimo e do amor que ha de gozar André oxalá naszan raigames vizosas e duradeiras para termar, con xustiza e tempero, da árbore da boa vida e, máis por diante e sobretodo, da árbore da vida boa.

Chuchos sentidos para os tres.

2 comentários:

  1. Por que sempre consegues facenrme chorar?

    ResponderExcluir
  2. porque es un tipo sensíbel e emociónaste coas cousas ben escritas, hehe :)

    riqui diría: porque es unha nenaza!!

    ResponderExcluir

Comentarios