Desapariciones

Das debilidades varias que teño no musical, unha delas son as voces arxentinas e a forma na que nese país se achegaron ao rock e ao pop. Andrés Calamaro (con Los Rodríguez e tamén en solitario) e Los Fabulosos Cadillacs son, seguramente, dos artistas que máis me teñen acompañado nalgúns momentos concretos da miña vida, escoitándoos unha e outra vez até o cansazo dos meus pacientes compañeiros de piso. Por unha desas relacións mentais que facemos decote, esta mañá pasei do CDG á lembranza da película Pedro e o capitán, con motivo do magnífico traballo que realiza nela o actor galego Diego Anido. O filme, baseado na peza teatral homónima de Mario Benedetti, fíxome saltar ao youtube na procura da mítica Desapariciones de Rubén Blades, e buceando buceando acabei topando ao mestre Vicentico, a voz dos eternos Cadillacs, con todos os seus grandes clásicos. Imposíbel escoller entre Vasos Vacíos, Manuel Santillán, Matador, Gitana, Basta de llamarme así, Siguiendo la luna ou Mal Bicho, por poñer só algúns dos seus grandes éxitos, así que ao final, para pechar o círculo, decídome pola versión que a grande banda arxentina fixo do tema de Blades durante o festival Memoria, verdad y justicia co que as Madres de Plaza de Mayo e outros colectivos conmemoraron en 2006 os 30 anos do golpe de Estado no seu país.

3 comentários:

  1. Non sei se lembras (probabelmente non) que unha das primeiras veces que coincidimos na noite compostelana foi na mítica Sá do Penal. Ti acababas de chegar a Compostela e eu xa levaba un curso. Xa coincidíramos nalgunha xuntanza e sorprendérame gratamente atoparte nun concerto duns rapaces de Maxisterio de Educación Musical. A maioría eran de Ourense. Daquela xeración naceron moitos grupos de hoxe. Daquela promoción son os Guadi, Ico, Maseda, etc...

    Ben, pois un dos temas que tocaron foi este precisamente. Con eles descubrín os Fabulos. Nos días previos ensaiaran no meu "dúplex" da rúa da Oliveira e mesmo aprendéranma O plan era tocala con eles no concerto pero non lembro se o cheguei facer. E ti? Estaba algo borracho.

    ResponderExcluir
  2. Jaja, si, si que me acordo. Lembro aquilo na parte de abaixo da Sá do Penal, que grande sitio. E aínda me parece que ti levabas unha guitarra. O que xa non sei é se soou este tema ou non, eu tamén levaba cervexas enriba. Ai, que tempos! Acabas de poñerme melancólico de verdade. Que feliz inocencia tiñamos... Apertas grandes, Ser!

    ResponderExcluir

Comentarios