Novos, novas e novidades

1. MÚSICAS NOVAS. AID, Gran Purismo, Som do Galpom, Safari orquestra, Fracasados de Antemano, The Homens, Sínefres, Ataque Escampe, Kogito, Kastomä, Nao, Fanny & Alexander, Projecto Mourente, Sonoro Maxín, Sonhos, Snatch, Chámalle Xis, Labazada, Duplo Son, Noise Project, Projecto Trepia, ...

Estes anos foron vizosos en creatividade nova para o rock e o pop galego. Agardemos que o sigan sendo. Cumprirá ver cales estratexias se desenvolven para dar a coñecer o traballo de todos estes grupos polo noso país e tamén por fóra del. O reto está en superar as dinámicas actuais das radiofórmulas e na non renuncia previa a chegar a públicos amplos. Quen queira ser underground que o sexa, mais non obrigatoriamente.

2. CONSELLEIRO NOVO. Estaremos atentos ás políticas que veñan, agora que xa hai novo conselleiro. O feito de a Consellaría integrar novamente turismo e cultura semella querer transladar a idea dunha nova centralidade do Xacobeo e a Cidade da Cultura nos anos vindeiros. Á marxe da cultura espectáculo e das grandes obras, porén, está toda a realidade sociocultural e sectorial da cultura galega, que coñeceu un modelo novo neste tempo e quererá saber cales son as liñas mestras para a cultura de base e amadora, o asociacionismo e os concellos, as industrias culturais, o patrimonio, a promoción exterior, ... Dirán máis neste sentido, seguramente, os nomes que integren as equipas das direccións xerais e diferentes organismos que o propio nomeamento coñecido.

3. DISCOS E LIBROS NOVOS. O de Galegoz, Viñeron da Galiza interior, e o esperadísimo de Fanny & Alexander, Alfaias, previsto para finais deste mes. Dos primeiros xa coñecemos os novos temas na Regueifa Plataforma, dos segundos ficamos á espera de poder desfrutalos sen demora. Para alén da música, Ouvirmos tirou do prelo a Fotobiografía sonora de Avilés de Taramancos, libro-disco no que participan Ana Romaní, Martín Veiga ou Rodrigo Romaní para achegarnos o universo literario e persoal do grande poeta de Noia.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios