Fillos da porca terra





Estes días, no medio dos conflitos sociais e económicos (a lingua, o metal, o téxtil, o leite, a cultura, os medios públicos) que emerxen á superfície e se encarnan nas portadas diarias da realidade, mal que lles pese aos oráculos do poder e aos seus executores, quixen dedicarme tempo e tranquilidade e aproveitei para acabar a leitura de Porca Terra. O talento, forza e sensibilidade que deita -ou cuspe, que ás veces non se sabe-o inglés John Berger no libro fixeron que me puxese á procura de máis doses da súa palabra fértil, preñada, sanadora. E aquí e acolá fun tropezando con anacos reveladores. Déixovos con el, con eles. Dous grandes das letras europeas, en dous textos breves -un artigo e unha entrevista- que serven de refuxio para o espírito en días ocupados polos exércitos do estrépito mediático, dos berlusconis neofascistas italianos e os chulambras provincianos da dereita española, da indisimulada toma de postura (consciencia de clase, eles si a teñen!) do grande capital. Manuel Rivas e John Berger. E esta entrevista entre os dous, magnífica, de agasallo.

Quen máis ten meditado no noso tempo sobre a calidade do ollar e as metamorfoses e máscaras da realidade até chegar ao actual espello escachizado no que se mira o mundo, ese é John Berger. Sabido é que Porca Terra (existe versión galega con tradución de Xoán Abeleira) é un dos grandes libros de relatos da literatura universal, da estirpe de Juan Rulfo, Anton Chekhov, Miguel Torga e Graciliano Ramos. Universal e galego, porque certamente hai unha estraña irmandade de Porca terra co mundo e os relatos de Os biosbardos (Blanco Amor), Dos arquivos do trasno (Rafael Dieste), Escola de menciñeiros e Os outros feirantes (Cunqueiro), Á luz do candil (Ánxel Fole) e Arraianos (Ferrín). E tamén as Memorias dun neno labrego (Neira Vilas). Se hai un oftalmólogo que nos aprendeu a ver coa área de visión e coa área de cegueira, ver o "máis estraño", alguén que profundou nesa "enigmática organización" que chamamos alma, se alguén nos aprendeu a oír as cores, a escoitar as pinceladas, as "voces baixas" da historia que poboan as marxes das imaxes e os suburbios dos textos. John Berger encarna a ollada fértil. É un menciñeiro internacionalista contra o Mal de Ollo.

Manuel Rivas, John Berger contra o mal de ollo, El País (Edición Galicia, 03/04/2009)

Um comentário:

  1. eu lin porca terra a semana pasada e coincido. preciosísimo.

    ro

    ResponderExcluir

Comentarios