Waiting for this look

O peor é a sensación de claustrofobia, de derrota esencial e secular: a falta de horizonte para os ollos, a ausencia de osíxeno para o corazón. Procurámolo na evasión, nas horas do lecer, que son tamén tempo que dispoñen para nós na sociedade total do espectáculo e a mercadoría. Cómpre nel sermos outramente consumidores, asumirmos felices o paso do traballo alienado ao descanso tamén alienado, consumirmos a nosa non-vida nesta época sen nós, sen comunidades, sen festas. "O que no tempo cíclico era o momento da participación comunitaria na dilapidación luxuriosa da vida, é agora imposíbel nunha sociedade sen comunidade", apunta Debord coa escopeta na man (La sociedad del espectáculo, Pre-Textos, 1999). A necesidade de tomar as rendas da propia vida e de defender o colectivo, o compartido, o vivido en sociedade fronte á ditadura invisíbel do individualismo capitalista máis feroz. A necesidade de termos aire para respirar, de afogar as metafísicas escapistas en compromisos firmes, intelixentes e prosaicos. Escribe Carlos Mella (Memorias dun ninguén, Galaxia, 2009) contra o "pensamento turístico" convertido en virtude paradigmática do pobo galego: "Cómpre non practicar a astucia, senón coidar a intelixencia cultivada; non deitarse ao acubillo da retranca senón o exercicio da capacidade resolutiva. Velaí o camiño se se quere un futuro propio e non dependente". E algunhas liñas antes: "Puido sernos útil en tempos de asoballamento e submisión, pero é unha eiva en tempos de progreso e de necesaria autoestima. É a virtude do débil; o forte non necesita ser retranqueiro". Firmeza, vontade, traballo; neguémonos ao cinismo e á queixa paralizante. Mantendo erguidos os valores, os principios, as ideas: as nosas bandeiras ao vento de cada día. "El alma reclama honor, no fama; anhela ser noble, no tener éxito; ser buena, no próspera; desea ser respetable esencialmente , no externamente. ¿Pide tu alma ganancia? ¿Pide dinero? ¿Pide la aprobación del rebaño indiferente? Yo creo que no. Por mi parte, necesito poco dinero, espero; y no deseo ser respetable en absoluto, sino bueno." Robert Louis Stevenson achégase elegante, viste camisa branca e gravata, o pelo curto e coidado, con raia á esquerda. Fálanos desde a súa Moral laica (Acuarela Libros, 2002) de rectitude, honra, lealdade, valores que soan a vello e traen ao fociño o arume do alcanfor, con incurábel alegría e saúde revolucionaria. Quizais por aí a reviravolta da ánima, o trunfo do sorriso e da paixón, a supervivencia do romanticismo, a vitoria inesperada -nesta tarde saudosa e soleada, preñada de silencios- do amor e da sensibilidade como camiño propicio e desexábel. Deste lado, coas velas despregadas, podemos soprar xuntos se non hai vento a favor.

2 comentários:

  1. Chámanme a atención os comentarios de Carlos Mella sobre a retranca, porque eu tíñao polo tipo máis retranqueiro das terras de Tabeirós e arredores.
    Saúdos
    Suso

    ResponderExcluir
  2. si, a verdade é que a min tamén me sorprendeu, pero eu entendo que o di no sentido político, un pouco como crítica ao esencialismo de certas formas de entender Galicia (a filosofía da saudade e demais). de todas formas unha vez sentinlle dicir que el praticaba a ironía, non a retranca

    ResponderExcluir

Comentarios