Rosalía inesgotábel




Hoxe aparecen no Terra e Tempo dixital unhas breves consideracións miñas sobre a natureza, orientacións e resultados do Xacobeo 2010. Mais postos a recomendar gostaría de facelo especialmente sobre un par de artigos que aínda non trouxera a esta ribeira: un fermoso, clarificador e emocionante de Ramón Ermida sobre o mariñao Antón Moreda e outro incitador -e por iso mesmo moi necesario- de Pilar García Negro convidando e dando chaves para a leitura presente da obra de Rosalía de Castro.

Xustamente esta fin de semana soubemos que a propia Pilar gañaba o Premio Vicente Risco de ciencias sociais polo seu ensaio O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporanea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos, e tamén que unha das nosas mellores artistas e voces, Guadi Galego, se facía co premio La Opinión ao mellor disco folque de 2009, polo seu primeiro traballo en solitario, Benzón.

E tirando do fío, aproveitamos para lembrar que fora tamén Guadi quen puxera voz a Rosalía no disco e espectáculo Rosalía XXI, que impulsado pola Consellaría de Cultura e Deporte do anterior goberno quixo contribuír á difusión e valorización da súa figura e obra, plenamente vixente e inesgotábel canto ás leituras que aínda hoxe se están a facer sobre ela. No 125 cabodano da nosa poeta nacional, o pensamento e a creatividade das mulleres seguen a ser vangarda e orgullo colectivo.

Um comentário:

  1. Juan Antonio Saco Arce1 de março de 2010 às 17:34

    Qué mal debe estar Terra e Tempo dixital para recurrir a usted.
    Just Kidding.
    En hora boa.

    ResponderExcluir

Comentarios