Tempos de confusión




Vaise 2009 e con el algunhas das nosas peores derrotas. Con todo, mal que ben, resistimos. No guión dos capítulos do futuro existe unha certa vontade de eliminarnos canto forza social organizada, de vencernos máis alá do eleitoral -no ideolóxico, na batalla permanente das ideas-. Estamos convencidos de que non o conseguirán. E tampouco, por suposto, á nosa identidade, lingua, cultura. Desmantelan galescolas e consorcios públicos de benestar, minorizan o noso idioma e suprimen símbolos de país, eliminan apoios á nosa cultura e poñen os nosos recursos -eólicos, hídricos, agrogandeiros- en mans de intereses espúreos e alleos. A dereita neopija que nos goberna, cómoda na ideoloxía servil a Madrid e á milla de ouro coruñesa -galegófoba, ignorante do propio, profundamente paleta- , desenvolve sen complexos o seu programa de acoso e derrubo contra todo o encamiñado na dirección da autoestima e o benestar. E con todo, diciamos, mal que ben resistimos. No ano 2010, a loita continúa. Tocará seguir dando respostas e alternativas, coma mañá, 30 de decembro, no Obradoiro. Sabemos, e afirmaremos de novo -con Novoneyra máis presente que nunca- que non, a forza do noso amor non pode ser inútil.


Tempos de confusión

Entra ledo e espido na praza das espadas
cunha rosa na voz reclamando a roseira
e a palabriña chave para que naza amor
no cativo xardín que azar nos concedera.

Nada te han de asustar os estragos do tempo,
nin os lobos da dor, o desprezo ou a envexa.
Perderase o remol de quen fala das flores,
mais virá a primavera.

Gonzalo Navaza, Libra (Galaxia, 2000)

Un mundo feliz




"Vivimos en un sistema que, si no le llamamos totalitario, es porque es el nuestro." Baleiros coma Bill Murray en Flores Rotas, e aparentemente libres: para escoller entre unha televisión ou outra, entre o capitalismo de dereitas ou o capitalismo de esquerdas, entre o negocio dos MacDonalds ou o negocio alternativo do culto ao corpo. Libres para escoller emisora, aínda que todas prescriban unha única banda sonora. Libres así e solitarios coma nunca, ligados unicamente ás apetencias constantememente cambiantes, ás novas necesidades que nos xeran, á necesidade perenne de movemento, de posesión ou experiencia do último do último. Atados a obrigas que non se nos presentan como tais, no medio da ditadura invisíbel do consumo (no consumo situamos a felicidade) e ás cadeas inmateriais do espectáculo e a comunicación, que nos mudan en fanáticos practicantes dunha fe politeista (marcas, novidades, modas: diñeiro para mercar, diñeiro para ser felices) na relixión incuestionábel e integrista do mercado. Obrigatoria, imposta, indiscutíbel desde que nacemos. Máis sutil e eficaz que as anteriores, xa vencidas. En palabras dos Tiqqun, "un ritmo que se impone, una manera de hacer fluir y discurrir la realidad. No es tanto un orden del mundo como su discurrir triste, pesado y militar."

En fronte do paraíso occidental, do Mundo Libre S.A, só os bárbaros, a non democracia, o perigo que espreita con cara de indíxena ou mouro ou pobre ou negro, capaces de deitar avións contra as torres-símbolo da modernidade e o progreso, capaces de poñer en cuestión que vivamos no mellor dos mundos posíbeis. Eles e os seus discursos afirmativos, nada relativistas. Eles e os seus relatos fortes, que afirman o colectivo, o comunal, e predican unha outra verdade, a pesar do noso cinismo feroz, da nosa condescendencia desprezativa. Nós observámolos desde a atalaia dos nosos castelos de fume. Desde a superioridade técnica do noso progreso. Desde a permanente necesidade de satisfacción -consumo- dos nosos desexos, sempre individuais. Entre o stress laboral e os antidepresivos, entre neuroses varias e cirurxías estéticas, entre o subidón das raias de coca e a sana adicción aos métodos de autoaxuda, entre anorexias infantís e suicidios adolescentes. Felices de vivir sen horizonte de morte, na eterna beleza da mocidade, coa vellice afastada en centros especiais de internamento e a dor e a enfermidade como molestas vergoñas a esconder, a extirpar das nosas vidas relocentes, limpas, asépticas, saudábeis. Libres e radiantes. Por debaixo, en silencio -recoñezámolo-, mastigamos unha frustración crecente , un malestar innegábel que non queremos nin podemos permitir que se nos note (ser feliz é unha obriga, unha necesidade que se formula e ostenta en relación cos demais).

O inferno, como sabemos, son os outros. O medo ao descoñecido, a irritación que nos produce a súa insubmisión aos valores da felicidade occidental, obrigatoria e constituinte cal Matrix, fai que precisemos catalogalos, poñerlles nome, situalos no mapa das nosas propias coordenadas. Queremos así despoxalos de ánima e sentido, cousificalos como a nós mesmos. Porque todo ten prezo. Velaí están co seu radicalismo, cos seus panos na cara, coas súas ideas atrasadas, coa súa fe, cos seus pasamontañas e fouces, co seu inaturábel atrevemento e insolencia. Non precisamos preguntarnos, é claro, as causas, os porqués últimos -non anecdóticos- da desesperación, do secuestro, da bomba atada á cintura. Temos opcións para desactivarnos, para afastarnos da dor da realidade. Cambiamos de canal e volvemos á serenidade e o confort, a Flashforward e ás noticias deportivas, á boa conciencia e á cara de Belén Esteban. Mesmo podemos sentirnos diferentes e rebeldes na epiderme. Na libre elección do capitalismo hai mercado para os nosos pendentes e o noso pelo longo , para a linguaxe inocua das estéticas alternativas, para a camisola do Che e a súa semiótica integrada. Tamén para as minorías permanentes, pepitosgrillo que non molestan porque nunca van pasar de extras da película, e por suposto sen frase. O perigo vén doutro lado: dos que nos cuspen na cara o seu aviso sen matices. Dos que nin gostan da película nin queren nada dela. Dos que afirman: vimos para coller o anaco de pastel que nos corresponde, mais desprezamos profundamente os vosos valores e a vosa forma de vida.

Preocúpanos un intre, é certo. Ás veces caimos na conta e falámolo entre nós, mais só como xoguete dialéctico, decorado intelectual dunha ameaza que non precisamos entender. De fondo, o desconcerto, a frustración, a impotencia. Como cuestionar unha violencia que non vemos, confrontar un inimigo sen face, deconstruír un espazo social que nos alimenta, constitúe e consume.

Pechar os ollos, limpar os corazóns




Onte, ao remate da prórroga -el alargue, como din os arxentinos- deume por pensar na Jugoplastica/Pop 84 de Split, o equipo que máis me fixo gozar e sufrir -na miña condición de culé- do baloncesto. Aquel extraordinario conxunto de xogadores ensinounos a varias xeracións, mellor ca ninguén, que había un que e había un como, tanto na vida como nos campos e canchas deportivas. Que había formas diferentes de gañar e que, aínda que todas eran sempre motivo de ledicia, só unha mínima parte delas ficaban imborrábeis na memoria. Lémbrome de pequeno padecendo a Kukoc, Radja e Savic, odiando a Bozidar Malkjovic, lamentando que Solozabal, Epi, Jiménez e Norris se fosen retirar sen a Copa de Europa nas mans. Mais tamén admirado diante daquela marabilla amarela, diante dun baloncesto diferente, diante dun atrevimento, talento, enerxía e alegría que resultaban un canto ao baloncesto, ao deporte colectivo, á confianza nas propias forzas e na canteira. Era o triunfo dunha filosofía de anos, dunha maneira de entender as cousas, da fe no traballo ben feito desde a infancia, desde aqueles nenos de Split que pasaban as horas tirando nas canastas das pistas escolares. Veño de facerme seareiro deles no facebook, unha forma como calquera outra de darlles un recoñecemento tardío a un grupo de técnicos e xogadores que a moitos nos fixeron entender o baloncesto doutra maneira. Co Barcelona de Guardiola ocorre e ocorrerá, creo, algo semellante. Por anos só puiden admirar e padecer os grandes equipos dos oitenta en diante: o Madrid da Quinta do Buitre, o PSV de Koeman, o Milán de Sacchi, algún Manchester de Ferguson. Mais coido ser xusto se afirmo que ningún é comparábel -polo que achegaron á liña histórica do fútbol, innovando e abrindo novas épocas e modelos- ao Barcelona de Cruyff e ao Barcelona de Guardiola.

Co Mundial de Clubes de onte o Barcelona pecha un ano seguramente irrepetíbel, e abre unha pregunta complexa nos afeccionados propios e alleos sobre como manter os equilibrios internos, a fame de vitorias, a distancia dos focos e a ambición por seguir gañando. Seguramente sexa capaz de conseguilo, porque hai un par de circunstancias que contribuirán decisivamente a manter a motivación alta: a primeira, o feito de a grande parte do plantel de xogadores ser culés e canteiráns; a segunda, ter enfronte ao Real Madrid dos 280 millóns de euros, de Kaká, Cristiano e Florentino. Tanto un como outro son factores tremendamente importantes para lograr que o equipo manteña a constancia, as ganas de gañar e a humildade -que importante e que motivo de orgullo para moitos culés- dos xogadores. O Barcelona de Guardiola, de Xavi e Iniesta, de Puyol e de Piqué, de Messi, de Pedro e Busquets, é un equipo diferente, con valores dentro e fóra do campo cos que é fácil e fermoso sentirse identificados, con capacidade para vencer sen humillar, con garantías e confianza plena en que se pode gañar desde a alegría e o amor pola pelota. Por iso, desde hai meses, desde antes do primeiro dos seus títulos, fago acopio de reseñas e reportaxes e entrevistas de prensa sobre este equipo, convencido de sermos afortunados por poder velo e disfrutalo como facemos. Materiais xornalísticos coma este ou este ou este, que debuxan en conxunto unha consciencia de vivirmos orgullosos unha idea máis alá do resultado, de defendermos unha forma -un como- por riba mesmo do que, do logro final, do título en desputa aínda sabendo, é claro, que só na vitoria se afianzan as alegrías, os mitos, a historia colectiva.

Pechouse o Barça de 2009, o Barça dos 6 títulos, o Barça do Viva La Vida de Coldplay, e comeza un Barcelona diferente, que se sabe diante de novos retos, con todo gañado e todo por gañar, ao ritmo do Human de The Killers. Tocará, como di a canción, pechar os ollos e limpar os corazóns. Para volver comezar de novo. Muda a melodía, mais desexamos idénticas emocións. Porque ao final, supoño, está unicamente a vivencia, infantil e primaria, feliz, das vitorias do teu equipo neste deporte contraditorio e universalizado que é o fútbol. Ao final, seguro, o que queda é ese arrepío, esa bágoa, ese sorriso que nos fai sentir mellor, e mellores, e felices, durante uns intres que saben a gloria, a eternidade.



A quen molesta a selección galega?



Diego López (Vilarreal), Michel Salgado (Blackburn Rovers), Adrián López (Deportivo da Coruña), Iago Bouzón (Recreativo de Huelva), Roberto Lago (Celta de Vigo), Viqueira (Xerez), Borja Oubiña (Celta de Vigo), Diego Castro (Sporting de Gijón), Jonathan Pereira (Vilarreal), Dani Abalo (Celta Vigo), Nacho Novo (Glasgow Rangers). Podería ser o equipo titular da selección galega de fútbol, que debería de desputar este Nadal un novo partido internacional. Nela poderían estar tamén Roberto (Osasuna), Rubén, Noguerol, Jonathan Vila, Iago Aspas, Joselu e Trashorras (Celta), Álex Bergantiños (Xerez), Iago Falque (Juventus) ou Iván Carril (Pontevedra), por poñer algúns exemplos. Hai xogadores, hai adestradores e hai afección. Tanto uns como outros manifestaron publicamente o seu desexo de que a Selección Galega permaneza, exista, xogue. De que o seu partido se manteña como festa anual do fútbol galego, pensada e transmitida desde aquel afortunado lema da Consellaría de Cultura e Deporte do goberno anterior: o fútbol galego une. Acreditamos niso. Vivímolo, en carne propia, en San Lázaro, Balaídos e Riazor. Dubido que alguén se puidese sentir excluído naquelas ocasións, a non ser por propia vontade. Polo demais, fútbol e festa, e ocasión de que o deporte galego, e a canteira -a xente moza dos diferentes clubes do país-, se vexa representada con dignidade e sen complexos. Como fixo contra Uruguai (2005), Ecuador (2006), Camerún (2007) e Irán (2008). A quen molesta entón, tanto como para eliminala, a Selección Galega? A quen molesta e por que ? Moléstalles só a Galega -a Irmandiña, como se lle dera en chamar- ou tamén a "Roja", convertida en metáfora e símbolo patrio indiscutíbel, triunfal polo mundo, á que se lle compoñen himnos e dedican concursos para incitar á lealdade e ao orgullo español? Moléstalles tanto que non poden aceitar nin sequera unha co-existencia no grao que había ata agora (as seleccións autonómicas non poden competir en torneos oficiais internacionais)? Por que esa saña, esa vontade de facela desaparecer?

Teño para min que a resposta está xustamente na evidencia que contraría o tópico manoseado ad nauseam. O fútbol tamén é política. Política en canto símbolo, en canto espazo de socialización e cohesión arredor de valores e significados determinados ("significados" -di moi acertadamente Antón Dobao nun seu artigo recomendabilísimo- " de pouca precisión semántica pero alta capacidade connotativa"). Vísceras, logo. Paixóns. E no proxecto político e ideolóxico do PP e de boa parte do PSOE só cabe unha opción, só se admite unha posibilidade no ámbito da identificación simbólica: España e o español. Que non se discute. Que se fomenta e se transmite desde o plano da normalidade, desde a linguaxe eficaz e desacomplexada do que se entende -e transmite- como "natural", como "non político", como "non ideolóxico". O problema témolo os demais. O problema somos os outros. Que politizamos, que estamos sempre protestando, que imos contra o sentido común e a normalidade.

O problema son "los vascos" -insiste De la Morena entre ñoñismo indixesto (recuerdas la primera vez que hablamos y eras un niño que jugaba en los campos de ...) e chutes habituais de demagoxia-, os vascos que non piden que a Vuelta a España pase por alí, nin se curan da "enfermedad" nacionalista, nin levan á Roja a San Mamés. O problema son Laporta e os cataláns, que obrigan aos rapaces de fóra a aprender o seu idioma na Masía, que fan campañas nos medios para reivincicar seleccións propias e non se dan conta de que -atención ao descobremento- fuera de Cataluña hay seguidores del Barça. O problema somos algúns -poucos, é certo- galegos. Lembremos cando o lateral focense do Celta e do Compostela, Nacho, mostrara a súa falta de entusiasmo por ser convocado pola selección española e na SER o despacharan cun "y que más da, si es muy malo", altamente revelador de que aquel atrevemento do galego doía na capital. Hoxe, en plena éxtase rojigualda, á orxía onanista e impúdica vanse sumando ilustres despolitizados: Valdano coa teoría lubricante do cara dentro e cara fóra, o presidente cántabro -xa saben, non é populista, só un tipo cojonudo, que va en taxi y dice lo que piensa - , os medios do grupo Prisa, o forofismo da prensa deportiva, ...e mesmo algún intelectual galego que, sorprendentemente, prefire a ¿inocencia? buenista e progre á análise crítica do uso social que o españolismo fai dos triunfos -merecidísimos no plano deportivo, desde logo- das seleccións españolas. En fin, unha película repetida, que cansa por coñecida.

O caso é que este Nadal, se nada de moi última hora (algunha plataforma cidadá de apoio, por exemplo, realmente plural e con capacidade de mobilización) o remedia, non teremos partido das Seleccións galegas. Terao a Cataluña de Cruyff, e outras moitas, mais non Galiza. Aínda que os xogadores galegos queiran, e os adestradores queiran, e a afección e os seareiros tamén queiran. Non haberá máis Seleccións Galegas porque a Feijoo e ao PP lles molestan. Molesta a Selección Galega, molesta A Coruña, molestan as Galescolas, molestan os Premios Nacionais da Cultura e a Biblioteca e o Arquivo Nacional, molesta o noso idioma, ... molestan porque molesta Galiza. Galiza entendida como suxeito de dereitos, e mesmo como simples posibilidade de nación normalizada, recoñecida e recoñecíbel. Iso mesmo é o que proe, o que non están dispostos a aturar de xeito ningún e por iso vetan e fan desaparecer, por máis que o discurso explícito o constrúan arredor da falacia do apoliticismo ("haga como yo y no se meta en política", dicía Franco) e do uso demagóxico da austeridade. O noso proxecto nacional, dinnos un día e outro día pola vía dos feitos, non cabe nos lindeiros da súa democracia. Aínda sí, lembrádeo ben, cómpre aceptalo e sorrír: que se vos note na cara que desfrutades coa Roja.

Contra o novo como valor en si mesmo

"O esnobismo, a pazguatería, a procura do chamativo superficial no canto de no fondo e profundo trufan a nosa cultura no cotiá, en todas as súas expresións. Unha obra na que unha actriz se corta voluntariamente en escea para manchar co seu propio sangue o corpo, unha ópera na que un director pon a defecar en público a un grupo de intérpretes, ¿como non vai ser máis relevante para os medios -e consecuentemente, para os espectadores- que unha obra cargada de fondura e trascendencia, ademais de ben escrita, claro?. Porque a obsesión paleta polas propostas "novas" ou "últimas", sexan ou non boas, teñan ou non calidade, mostran a inmadureza da nosa cultura, de todos nós. O dominio da vacuidade, da ostentación, a paixón polo recén sacado do forno aínda que estea "pouco cocido", empuxa na dirección de facer da cultura, cada vez máis, un máis -nin sequera o máis importante- dos espazos do lecer e do ocio. Cultura para o esquecemento, para o "buen rato", non cultura para o goce e a transformación individual e colectiva".

Robert Muro, Popurrí (de asuntos culturales frescos)

Sen disfrace



"Cada vez aprezo máis a ausencia de disfrace, a antifotoxenia da normalidade. Síntome máis perto do autor literario que no canto de balancearse con güisqui en calquer fumareda da madrugada está poñendo o termómetro ao seu fillo antes de chegar con présa ao colexio. E tanto que me sinto máis perto."

(...)

"O mellor espectador é aquel que afina o detector de verdade e non permite que lle dean gato por lebre, agás cando precisamente pediu gato por lebre. Por iso a imprevisibilidade, a falta de impostura e e as contradicións dun tipo corrente terían que nos gustar moito máis que a fidelidade a un carisma, a repetición extenuante dun tópico por afortunado que sexa"

David Trueba, no artigo Con una cara prestada

Ao final da escapada




A felicidade é un zume de laranxa unha mañá de sábado, nunha terraza de verán. O cheiro a novo dos libros recén mercados. A estadía tranquila entre os brazos dunha tarde de decembro. Unha noite de fulgor nos teus ollos.

-------

Deberiamos fundar un país no norte, ao norte do alén. Entre Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo. Con capital en Vilar Ponte, en Cunqueiro, en Gamallo Fierros. Galeguista e republicano. Profundamente musical, e neboento, e inaccesíbel. Con capacidade para fuxir dos mapas, de agocharse no tempo. Fermoso coma as azas molladas das aves deste inverno, coma unha gota de mercurio caíndo nas feridas do combate, como as hedras que medran e agallopan nas ruínas do que fomos.

----------

Ás veces apetece, para que negalo. A min, polo menos, apetéceme. Dar un puñetazo nos dentes a tanto cretino como hai. Facéndolle sangrar, desde logo. E seguir bailando.

------------

Cousas que reconfortan. A leitura poderosa, viva e libertadora fronte a tanta estupidez e tanta hipocresía disfrazada de esquerda e de socialdemocracia. O poder solidario, emancipador, revolucionario da palabra -cada día máis necesaria, e sanadora- que se ergue sobre o ruído dos días. A túa mirada.

Río abaixo

O humor é cousa volúbel. Eu acabo de poñerme de boas, grazas a isto e mais a isto e mais a isto:

Margarida Cordeiro

Ás veces os xornais traen tesouros agochados, que xustifican por si mesmos toda a literatura que a profesión xornalística adoptou como propia, tinxíndose de romanticismo, épica, dignidade. Unha desas alfaias apareceu no Público portugués o pasado 29 de novembro, en forma de entrevista fascinante á cineasta Margarida Cordeiro, e felizmente chegou a min a través da xenerosa cultura da amiga Carme Vidal. Digo fascinante e digo ben, penso. Fascinante pola historia persoal desta muller, polas súas respostas lúcidas e directas, diferentes, polo seu xeito de vivir e de ollar o mundo desde o seu retiro - forzoso, voluntario? - nunha pequena aldea dos lombos de Trás-os-Montes, Bemposta. Fáganme caso e acheguense a lutar con ela.

Trás-os-Montes, o primeiro filme que assinou com António Reis, tornou-se uma referência para toda uma geraçao, e 33 anos depois da estreia continua a ser a súmula de algo português. "Para um povo e para um país à procura de si próprios", escreveu Joao Bénard da Costa, "é uma das poucas pedras do caminho que nos pode ajudar a reencontrar a direcçao".

Velaquí a reportaxe.


Común temos a loita




Vivimos, sen dúbida, tempos convulsos. A crise do capitalismo neoliberal e as diversas estratexias que desde os diferentes poderes se aplican como receitas sanadoras da mesma, quer da banda socialdemócrata quer da conservadora, están resultando un magnífico -e duro, desde logo, para as clases populares- mostrario das profundamente inxustas, agresivas e autoritarias dinámicas que sustentan as estruturas do sistema económico-político actual. O emprego de diñeiro público, aquí e aló, para salvar o sistema financeiro quizais sexa a máis evidente destas medidas, mais desde logo non a única e nin tan sequer a máis escandalosa. Outra cousa é que socialmente se translade esta realidade aos cidadáns, cousa que evidentemente non está a acontecer. Como dicían Marx e Hegel, "as ideas dominantes en cada época son as ideas da clase dominante". Non é estraño, pois, que os elementos de produción ideolóxica do sistema (fundamentalmente os mass media e as industrias do ocio e do lecer) traballen para seguir manténdonos dentro das súas necesidades (fomento do consumo) e do seu marco ideolóxico incuestionábel (vivimos no mellor dos mundos posíbeis).

O fracaso da esquerda socialdemócrata e de boa parte da transformadora en toda Europa, pola súa asunción dun papel meramente xestor dentro do contexto da crise capitalista e a conseguinte perda do seu carácter referencial para as clases traballadoras máis castigadas pola mesma non semella, neste sentido, nin casual nin inexplicábel. A esquerda fracasa cando imita á dereita, cando acepta o marco de xogo imposto por esta e non promove unha alternativa clara, críbel e explicada a través de referentes e discurso propio. Ocorre, iso si, que cando se atreve a tal cousa, padece o implacábel acoso do aparato de propaganda do sistema. Véxase se non o caso, tantas veces comentado neste mesmo blog, da esquerda popular latinoamericana. O desprezo, mistificacións e ataques que padecen os líderes políticos dos diferentes movementos que a conforman (Evo Morales, Rafael Correa, Fernando Lugo, Hugo Chávez, ...) son a mellor proba de que as súas políticas resultan insoportábeis para os detentadores do poder económico e os tradicionais beneficiarios do statu quo dos seus diferentes países.

Un exemplo claro da dobre moral existente a este respecto é o comportamento do diario español El País e, por extensión, do grupo PRISA, que baixo unha apariencia de progresismo epidérmico encabeza a estratexia destinada a minar os apoios e simpatías que a esquerda popular concita aló e máis acó. (Analícese por exemplo, para contrastar o que vimos de dicir, a súa liña editorial no golpe de estado da oligarquía hondureña contra o presidente do país, Manuel Zelaya, ou o sesgo informativo que aplica cos mandatarios de Ecuador, Bolivia ou Venezuela). A pesar de todo, a realidade social imponse e os pobos sudamericanos manteñen democrática e reiteradamente o seu apoio ás propostas formuladas desde esa vontade transformadora e anovadora, como vén de corroborar a recente vitoria do urugüaio Frente Amplio nas eleicións presidenciais, encabezado polo ex-guerrilleiro tupamaro Pepe Mujica.

Non se trata aquí, enténdase, de xogar a bos e maos. No proceso citado abondan os grises e aparecen con frecuencia erros e contradicións. Non podía ser doutra maneira. Como insisten diferentes autores e asumen os propios protagonistas dos procesos, a esquerda popular sudamericana está a mostrarse como unha experiencia política nova, que asume as análises teóricas do marxismo e as fai confluír e ser úteis ás idiosincrasias e á historia particular dos diferentes pobos, aparecendo así como autenticos movementos políticos en construción, patrióticos e populares no sentido emancipador que no político e no social teñen estes termos fronte ás tradicionais inxerencias externas e fronte ás diferencias de clase existentes.

Esquerda popular, transformadora, patriótica: terminoloxía que alerta e espanta a moita parte da progresía española e españoleira. Algo disto padecemos tamén nós e sabemos por aquí, por moito que haxa poderes reais -e algúns poucos posmodernos acomplexados- aos que moleste e poña en evidencia. Porén, nada novo. Xa o escribira un galego universal, nacionalista, internacionalista: Celso Emilio Ferreiro.

Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son iguales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo
.


Nota: na foto do post aparecen dous simpatizantes do Frente Amplio diante dun busto de Rosalía de Castro, en Montevideo.